Noa Presas ve inútil para Ourense unha Deputación que gasta máis en si mesma que en mellorar a provincia

Noa Presas
Noa Presas

Critica o autobombo e a propaganda, como a viaxe a EEUU ou un plan de igualdade quintaesencia da “cultura do simulacro”

Noa Presas ve inútil para Ourense unha Deputación que gasta máis en si mesma que en mellorar a provincia

Os orzamentos dunha institución deben ser a base para mellorar as condicións de vida da poboación, pero un ano máis as contas da Deputación de Ourense amosan que a entidade gasta en manterse así mesma case un 62% de todos os seus recursos “en lugar de marcar prioridades sociais”.

“Usan a institución como se dunha corte medieval se tratara, ao servizo do señor rei que emprega os recursos para manter o control social e político”, sintetizou a deputada por Ourense, Noa Presas, na comparencia parlamentaria do presidente do ente, Xosé Luís Baltar, na que denunciou unha política de persoal cuestionada pola xustiza que tivo como última actuación unha sentenza que paralizaba 99 ascensos por discriminar no acceso a un posto público.

Presas preguntouse pola utilidade dunha institución “que gasta máis en manterse así mesma que en mellora a vida das persoas, porque son as institucións ás que teñen que estar ao servizo das persoas e non ao revés, máxime nunha provincia con tantas necesidades que vai camiño da extinción e na que a deputación ten cero prioridades sociais”, alegou.

Como mostra, a deputada citou os 5.258 fogares que dependen directamente do banco de alimentos de Ourense. “Lonxe de marcarse o obxectivo de mellorar estes datos, un ano máis as actuacións de Protección e promoción social seguen nuns niveis moi baixos en comparación coas demais deputacións, nun 5% (3,9M€) cando o resto oscilan entre o 14 e o 18%, e descende un 2% a respecto do ano anterior”, argumentou.

A deputada denunciou que a Deputación de Ourense “incumpre sistematicamente o informe de estabilidade orzamentaria” ademais de estar instalado na “improvisación, na propaganda e no autobombo”, como a misión a Estados Unidos cun custe de 70.000€.

 “Están tan obsesionados  coa foto e co titular que mesmo financian un plan de igualdade converténdose na quintaesencia do que Nuria Varela denominou Cultura del simulacro, un fermoso Plan de Igualdade, que quedará en papel mollado e que ten máis ítems centrados na publicidade que hai que darlle que en desenvolver o capítulo do acoso sexual”, criticou.

Presas lembrou que o BNG foi promotor da proposta de Plan Único que se ten levado a cabo noutras Deputacións en colaboración co PSOE, demostrando que é posíbel un modelo de distribución de recursos entre concellos con criterios obxectivos.

Bailarlle a auga

 “O Bloque continuará a reclamar da Deputación de Ourense un trato xusto e igualitario cos concellos da provincia, para que máis aló da cor política de quen ostenta a responsabilidade de gobernalos, os cidadáns e cidadás deses territorios teñan dereito a que os recursos público, se repartan de xeito obxectivo e responsábel na procura dunhas mellores condicións de vida, independentemente de que o alcalde ou alcaldesa non lle bailen a auga”, concluíu.