Noa Presas traslada ao Parlamento a petición dunha nova aula de 1º de ESO no IES Otero Pedrayo de Ourense

Noa Presas
  • Considera totalmente xustificada a demanda das familias tendo en conta que o centro conta con espazo suficiente para ofertar novas prazas

A deputada por Ourense Noa Presas traslada ao Parlamento a petición das ANPAS dos centros de primaria de Amadeo Rodríguez Barroso, A Inmaculada, Irmáns Villar e do Ramón Otero Pedrayo que suman máis de 5.000 sinaturas reclamando unha cuarta aula de primeiro de ESO no IES Otero Predrayo para dar servizo a novas alumnas e alumnos que teñen este centro como referencia.

As tres liñas actuais de ESO son insuficientes para dar cobertura a todo o alumnado que remata as aulas neste curso nos centros de primaria mencionados, que teñen experimentado un incremento do número de escolares. O obxectivo é que para o curso 2017/2018 todos podan cursar primeiro de ESO no IES Otero Pedrayo sen ter que desprazarse a un centro moito máis afastado dos seus lugares de residencia, como pode ser por exemplo  o IES As Lagoas.

“É unha petición razoable que debe ser atendida pola Consellería de Educación para poder darlle cobertura a todos os nenos e nenas adscritos a ese IES, tendo en conta ademais que o centro ten espazo suficiente para albergar un cuarto curso de primeiro de ESO, sen que iso supoña un gasto adicional en infraestruturas”, explicou Noa Presas.

“Tendo en conta que as instalacións do edificio dispoñen de espazo suficiente, non se engadiría custos loxísticos de ampliación”, reiterou a deputada por Ourense.

Ademais de dar resposta a unha petición das familias, a apertura dunha nova aula de primeiro de ESO no Otero Pedrayo implicaría  reducir a ratio de alumnado por aula, o que repercutiría moi positivamente na comunidade educativa.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG