Noa Presas: “Retirar o helicoptero contra incendios do Barco é unha irresponsabilidade”

Noa Presas e Ana Pontón
Noa Presas e Ana Pontón

Presas considera inadmisíbel que nin unha semana despois da aprobación do Pladiga a Xunta faga estas modificacións nun territorio de alto risco e sen dialogar cos traballadores e traballadoras. 

Noa Presas: “Retirar o helicoptero contra incendios do Barco é unha irresponsabilidade”

No día de hoxe o BNG coñeceu que a Xunta retirou o dispositivo dun helicóptero de incendios da base de Vilanova no Barco de Valdeorras (distrito XIII) inutilizando unha base na que se investiu diñeiro público e que fica agora pechada. Presas afirmou que “precisamente hoxe, malia estarmos nunha semana de temperaturas moderadas e mesmo de chuvias en boa parte do país,  o territorio de Valdeorras, Terras de Trives e Castro Caldelas atópase hoxe por riba do 50% de risco de incendio, é un terreo con condicións climáticas moi específicas e tamén cunha complexidade xeográfica moi importante polas súas serras e diferenzas de altitude, polo que a decisión da Xunta é unha irresponsabilidade”.

O BNG esixirá a rectificación desta decisión así como explicacións no Parlamento Galego sobre os motivos desta decisión esixindo un informe no que se esclarezan as presuntas deficiencias da base e se esclareza canto tempo se mantivo esa situación e se puido supoñer algún risco para a conservación dos materiais así como para o desenvolvermento laboral dos e das traballadoras. 

Noa Presas, deputada por Ourense, recordou que “só no 2016 concentrou máis da metade das 22.000 hectáreas ardidas no total e que concentrou a metade dos grandes incendios forestais superiores a 500 hectáreas. O oriente ourensá é unha das zonas máis castigadas nos últimos anos e a resposta da Xunta é precarizar máis aos traballadores e alterar a distribución duns medios materiais de por si insuficiente, non podemos toleralo”. 

A nacionalista lembrou que “xa en abril o BNG pediu un plan específico de atención para Ourense por ser un territorio con condicións climáticas específicas e castigado ao longo das últimas décadas. Agora vemos como a Xunta non só é tan pouco ambiciosa que se fixa o simple obxectivo de non superar as hectáreas ardidas no 2016 senón que procede a alterar o escaso dispositivo de Ourense deixando unha das zonas máis ricas canto a espazos naturais e máis complexas de protexer absolutamente desamparada, pois o tempo de resposta é un elemento decisorio á hora de atallar calquera lume”.