Noa Presas pide no Parlamento corrixir a mala evolución do crédito en Galiza

Noa Presas
  • A deputada do BNG afirmou que Galiza se contara con instrumentos financeiros propios tería capital para as “axudas inmediatas” polos danos ocasionados pola xeada nas comarcas de denominación de orixe do viño

A deputada do BNG, Noa Presas defendeu hoxe crear os instrumentos necesarios para corrixir a mala evolución do crédito en Galiza, a través  dunha proposición non de lei na que reclamaba  deseñar “un plan destinado a que o aforro dos galegos e galegas se traduza en crédito para os  sectores produtivos, transformar o IGAPE nun Instituto Galego de Investimento e avanzar na creación dunha banca pública galega”.

Noa Presas, tralo  anuncio do portavoz popular, de votar  en contra da iniciativa nacionalista recalcou que  o BNG seguirá apostando por unha banca pública galega, reformulando o instituto de crédito e dotando todas aquelas medidas destinadas a reversión do aforro en Galiza e avanzou que presentará novas iniciativas nesta liña.

A  parlamentaria explicou que  ás recentes xeadas nas comarcas  produtoras de viño con denominación de orixe, ocasionaron grandes danos polo que de existir instrumentos financeiros propios permitirían algo tan elemental como contar con capital suficiente para “axudas inmediatas” e  investigación no sector.

A deputada reiterou que Galiza é a comunidade que “peor evoluciona” no crédito e reclamou do Goberno galego unha estratexia que corrixa esta situación. O diñeiro emigrado, dixo equivale a case “tres orzamentos da Xunta” e isto  require un urxente cambio de modelo.

Noa Presas lamentou que o grupo maioritario do Partido popular impedira que prospera a proposición non de lei do BNG e lembrou que os datos publicados confirman “os efectos negativos” da reestruturación bancaria en Galiza onde o deseño estatal deu como resultado a perda de entidades financeiras propias e a “venda a prezo de saldo” de Novagalicia Banco.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG