Noa Presas pide mecanismos de protección contra os abusos e as estafas bancarias

Noa Presas no estrado
Noa Presas no estrado
  • Presas: “A Administración non pode ser unha estatua de sala que nin ve, nin actúa en defensa dos consumidores”

A deputada Noa Presas reclamou do Goberno galego que utilice ao máximo as súas competencias para garantir os dereitos dos usuarios da banca, e evitar estafas como as vividas ao longo destes anos en casos tan coñecidos como o das preferentes ou as cláusulas solo.

Presas recriminou a pasividade da Xunta ante un tema que afecta a miles de galegos e galegas, ata o punto de manter secuestrada unha lei aprobada por unanimidade do Parlamento en 2014 a favor dos e das preferentistas, pero que o PP mantivo pechada nun caixón polo PP durante dous anos.

A deputada salienta que os abusos bancarios seguen, como as elevadas comisións, a venda de produtos de dubidosa legalidade que se impoñen ás persoas que solicitan un préstamo.

“Pregunto que corriximos, porque non vexo maior control desde a Administración para evitar novos abusos do lobbi bancario”, denuncia, e mesmo advirte da “exclusión financeira”, persoas que non interesan aos bancos e ás que aplican comisións abusivas para que se vaia a outra entidade.

“Todo isto nun marco de baixos xuros que facilita que as entidades financeiras, coloquen produtos a persoas sen coñecementos financeiros, asumindo maiores riscos sen ser conscientes. O mesmo sucede co crédito, as restricións existentes fan que a clientela este disposta a asumir condicións para ter aceso ao mesmo que, en moitos casos, non comprenden”, advertiu no debate no Parlamento.

“Novos factores, novas incertezas e novos riscos mentres a Administración está paralizada”, resume Presas, incertezas que tamén afectan ás condicións dos e das traballadoras da banca, cada vez máis precarizadas.

“Non son suficientes os tests de idoneidade ao cliente, sobre todo cando nin iso se aplica, como amosa o feito de que a normativa europea para protexer aos clientes está sen desenvolver no Estado español, argumentou. “A cidadanía está insegura diante do poder bancario e a Administración non pode ser unha estatua de sal que nin quere ver nin quere actuar”, conclúe.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 30.I.4, outorga competencias exclusivas sobre comercio interior e defensa do consumidor e do usuario. “Temos que desenvolver de forma ambiciosa estas competencias e ser vangarda en prevención e defensa do consumidor e que isto reverta no ben dos galegos e galegas e na seguranza económica do país”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG