Parlamento Galego

Noa Presas pide ao Goberno Galego que impida o “pelotazo” para Villar Mir coas minicentrais do Xallas

Noa Presas na pregunta ao goberno
Noa Presas na pregunta ao goberno
  • A deputada nacionalista preguntou ao goberno que accións emprendeu para evitar a segregación da empresa e reclamou da Xunta actuar contra a  perda de centos de postos de traballo na Costa da Morte

No transcurso dunha pregunta ao goberno sobre as medidas emprendidas para evitar a segregación da empresa Ferroatlántica,  a deputada do BNG, Noa Presas afirmou que, “ o goberno non impulso, impulsa ou impulsará  ningunha acción para evitar a segregación da produción industrial na Costa da Morte da produción  hidroeléctrica do río Xallas”.

Noa Presas lembrou que esta mesma mañá en sesión plenaria, o PP “rompeu un consenso social e político e o consenso do 18 de febreiro no Parlamento galego e posteriormente  na Deputación de Coruña así como dos  concellos da Costa da Morte”, algúns, dixo,  mesmo  gobernados por vostedes e onte, engadiu, o BNG e os traballadores e traballadoras de Ferroatlántica pedimos a retirada da proposta do Grupo parlamentario popular votada hoxe e destinada a facilitar o camiño da segregación.

Vender as centrais é un “pelotazo” para Villar Mir

A deputada referiuse na súa intervención ás “escuras relacións do Partido popular con Villar Mir” das que dixo non dubidar dun “posible pacto”, a pesar de insistir en que non hai motivos para o “alarmismo” como asegura o Partido popular. De ser así preguntou, por qué ese cambio de discurso do PP e deixar a porta aberta á segregación  e por qué  as insinuacións do propio Feijóo. Vostedes, recriminou a nacionalista, saben que a venda das empresas representaría un “pelotazo” para o Sr. Villar Mir e mentres durante 25 anos a administración pública inxectaba diñeiro e obtiñan un “800% de beneficio” non investiron nada. Desprazaron o I+d+i para fora de Galiza e non modernizaron as instalacións, denunciou a parlamentaria.

Por outra parte, Noa Presas tamén  preguntou se a  non segregación é fundamental para Aragón porqué non o  é para Galiza? e volveu a pedir a Goberno galego que impida a perda de postos de traballo en Ferroatlántica.

O conselleiro de Industria afirma carecer da solicitude para a  segregación  

Pola súa parte, o conselleiro de Industria, Francisco Conde respondeu á deputada do BNG que se está a cumprir escrupulosamente o cumprimento da concesión e polo momento, a consellería non recibiu “ningunha solicitude da segregación”. O goberno, dixo,  está ao lado das traballadoras e traballadores de Cee e Dumbría e a consellería seguirá traballando polo sector industrial galego.

Na réplica ao titular de Industria, a deputada do BNG aceptou que non exista solicitude formal por parte da empresa  pero cuestionou que o goberno non conte con “información informal” sobre a segregación. A parlamentaria tamén respondeu ao conselleiro que a comarca segue agardando polos “700 postos de traballo que na teoría xustificaron a repotenciación do Xallas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG