Noa Presas: "Non é normal que non se poida ir a Ourense en tren desde A Gudiña, Valdeorras ou O Ribeiro"

Noa Presas
Noa Presas

A deputada do BNG defende no Parlamento galego un tren do século XXI ante o veto do PP

Noa Presas: "Non é normal que non se poida ir a Ourense en tren desde A Gudiña, Valdeorras ou O Ribeiro"

A deputada por Ourense, Noa Presas, Rodil,  defendeu no Parlamento unha proposición non de lei para que a provincia de Ourense teña un tren de cercanías “propio do século XXI” tanto en tarifas, horarios como en tempos de traxectos e infraestruturas que permita conectar as comarcas da Gudiña, Valdeorras, O Ribeiro e O Carballiño coa capital da provincia, e critica o veto do PP a esta iniciativa parlamentaria.

Xunto con esta falta de comunicación dentro da provincia, Presas engade a “estafa do avant” que soporta a cidadanía de Ourense, con tarifas de ata un 60% máis caras que noutros traxectos, “pero o PP volve dicir que non a un calendario concreto para acabar con esta estafa”. “Desde o BNG non nos conformamos porque a veciñanza de Ourense debe ter os mesmo dereitos que calquera outro galego en materia de transporte por tren e continuaremos dando esta batalla pese aos vetos do PP”, salientou.

A iniciativa presentada polo Bloque solicitaba un Plan de compensación para o sistema ferroviario galego que pase pola transferencia a Galiza das competencias en materia de ferrocarril interior, como xa teñen Euskadi, Catalunya, Valencia ou Andalucía e tal e  como acordou de maneira unánime o Parlamento galego o 22 de setembro de 2009.

Transferencia  que debe ir acompañada do orzamento correspondente, da mellora das frecuencias e da modernización das liñas. A iniciativa asinada pola deputada de Ourense tamén incluía abrir unha mesa de negociación co Goberno central para asumir a xestión ferroviaria a través dun ente público galego, “para dunha vez por todas coller o tren e con el as rendas do noso propio futuro”, demandou, desde a consideración de que o tren é un elemento clave na cohesión territorial e social.

“Non se pode permitir unha Galiza de dúas velocidades que deixe atrás o interior, porque o interior tamén existe e a veciñanza de Ourense ten os mesmo dereitos”, concluíu.