Noa Presas: “Neste 2017 a recuperación da sanidade pública será unha prioridade no traballo político do BNG en Ourense”

Noa Presas en Viana do Bolo
Noa Presas en Viana do Bolo
Noa Presas: “Neste 2017 a recuperación da sanidade pública será unha prioridade no traballo político do BNG en Ourense”
  • Viana continuará avanzando malia a pinza PP PSOE que impedirá destinar a usos sociais e infraestruturas máis de 360.000 euros e prexudicará á veciñanza

A deputada por Ourense do BNG e membro da Executiva Nacional visitou hoxe Viana do Bolo para apoiar a concentración mensual que levan a cabo veciños e veciñas para reclamar unha maior dotación de pediatría para a vila. Na actualidade, o Centro de Saúde do Concello recibe a visita unha vez á semana dunha persoa especialista en Pediatría para atender á poboación infantil un día á semana malia ter aumentado a natalidade.

A nacionalista criticou o “progresivo desmantelamento da sanidade pública do noso país. En días como hoxe as urxencias do CHUO en Ourense están absolutamente colapsadas e a xerencia, que xa debera ter dimitido, segue a negar as evidencias que constatan as fotos das persoas doentes das redes e enviadas á prensa”. “A redución de orzamentos, redución de camas e servizos, repagamento de medicamentos, etc ocasionan graves prexuízos, agravados en Ourense polo envellecemento da poboación.” Sobre a situación de Viana, engadiu “non se entende que a Xunta dea a calada por resposta e levaremos este problema e outros da área sanitaria de Valdeorras tamén ao Parlamento. Non se pode permitir que a Xunta contribúa por acción e omisión á falta de atención das necesidades básicas da poboación, desincentivando a natalidade onde, malia todas as dificultades, está medrando”.

Ademais, avanzou que nas emendas parciais aos orzamentos o BNG exixe unha partida específica para a mellora dos servizos nos hospitais de Verín e Valdeorras e as súas áreas sanitarias, xa que a xuízo do BNG o investimento unicamente no Plan Director do CHUO é totalmente insuficiente e marxina o resto da provincia.

Doutra banda, a deputada trasladou en nome da Executiva Nacional o total respaldo ao BNG local no novo boicot de PP e PSOE ao goberno municipal que cualificou de “vergoñento” xa que despois de non presentar ningunha achega, impedirán destinar a usos sociais e infraestruturas máis de 360.000 euros e prexudicará á veciñanza.