Noa Presas leva Parlamento deterioro atencion area sanitaria Valdeorras

  • Noa Presas pedirá explicacións ao Goberno polo caos organizativo e os continuos recortes na dotación de persoal e de infraestruturas

O BNG traslada ao Parlamento o deterioro na atención primaria na área sanitaria de Valdeorras reiteradamente denunciada tanto polos profesionais sanitarios como polas organización sindicais e polos usuarios e usuarias. A deputada por Ourense, Noa Presas, será a encargada de interpelar ao Goberno no próximo pleno e demandar medidas para corrixir as deficiencias que afectan a un servizo público básico.

En concreto, Presas advirte contra o “caos organizativo” que ven sumarse “ás rebaixas continuadas en materia de dotación de persoal, infraestruturas e materiais como consecuencia das políticas de recortes do PP, que se traducen nun deterioro permanente da atención primaria que é porta de entrada ao sistema sanitario”.

A situación agrávase pola dispersión territorial dos e das usuarias na comarca de Valdeorras, especialmente con condicións meteorolóxicas adversas, que dificultan o desprazamento dos e das profesionais da sanidade que teñen as súas horas de traballo distribuídas en diferentes centros.

Presas lembra que estamos falando dunha poboación de 34.000 persoas, “que teñen todo o dereito a ter unha sanidade de calidade e non de segunda”. Tras a reunión da Xunta de portavoces de hoxe, o BNG incluíu esta iniciativa de control ao Goberno galego na orde do día do próximo pleno.

“Estamos moi preocupadas por este continuo deterioro, polos recortes de persoal que afecta a toda a área sanitaria e que se fan notar con máis intensidade nos concellos do rural, onde a veciñanza se ve forzada a facer quilómetros para poder ter unha atención fundamental como o servizo de pediatría”, advirte Presas.

A deputada sinala tamén que ás deficiencias, caos e falta de medios na asistencia primaria súmase agora as últimas denuncias de usuarios e usuarias difundidas que alertan do feito de que o hospital de Valdeorras non está facilitando citas médicas o que está causando un enorme malestar e preocupación entre os e as doentes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG