Noa Presas leva ao Parlamento a contratación do servizo de limpeza do IES Universidade Laboral de Ourense

Noa Presas leva ao Parlamento a contratación do servizo de limpeza do IES Universidade Laboral de Ourense
  • A deputada nacionalista denuncia que a Xunta permite un contrato no que se recolle máis carga de traballo e menos persoal para facelo

O BNG vai reclamar no Parlamento a retirada do actual prego de contratación do servizo de limpeza do centro residencial docente e IES Universidade Laboral de Ourense por outro novo no que se respecte o actual número de postos de traballo e categorías laborais. Na actualidade: unha persoa encargada, 15 persoas limpadoras e unha persoa peón especialista a xornada completa.

A deputada por Ourense, Noa Presas, presentou na Cámara varias iniciativas nas que, ademais desa petición expresa, quere que a Xunta explique “as motivacións para mudar as condicións actuais para recortar categorías e postos de traballo, pese a tratarse dun centro educativo público que tamén ten servizo de residencia, empobrecendo un servizo que xa é precario”.

O BNG tamén denuncia que a concesionaria Serlym “incumpre o prego actual e, en paralelo, o novo semella feito á medida para favorecer a esta empresa aínda que iso signifique ignorar sentenzas laborais previas por incumprimentos”, salienta Presas, como teñen denunciado os e as traballadoras.

Para a deputada ourensá é moi chamativo que o recorte en persoal se produce pese a que hai un aumento da superficie de traballo a limpar, “que se ampliou cunha nova nave de 400 metros cadrados. Máis traballo e menos persoal para atendelo na habitual liña do PP de recortar nos servizos e prestacións públicas”, criticou.

Presas tamén reprocha ao Executivo que nos pregos de contratación apenas se teñen en conta criterios de igualdade, que só se aplicarían en caso de empate, “pese a tratarse dun traballo fortemente feminizado”, conclúe.