Noa Presas lamenta que Feijóo pechase a súa “tourné ministerial” sen mellorar o financiamento de Galiza

Noa Presas
Noa Presas

O BNG pide unha negociación bilateral Xunta-Estado e aposta polo concerto económico para superar un modelo que discrimina ao país

Recriminou a total falta de documentación por parte do Goberno galego sobre a súa proposta de financiamento para Galiza, “é absurdo”

A portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, criticou que o presidente da Xunta volvese de Madrid igual que foi, “coas mans baleiras”, e saldase o seu encontro con ministro Cristobal Montoro sen ningunha mellora para o financiamento de Galiza que, co actual modelo, aporta unha media de 3.500 millóns de euros máis dos que recibe do Estado.

A deputada nacionalista reprochou que o Goberno do PP non teña enviado nin un só documento ao Parlamento coa proposta de financiamento que o Executivo galego ten para o país e que, ata agora, a información se limitase a comparecencia de hoxe en Comisión dun cargo intermedio da Xunta e, de novo, sen documentación previa algunha, “é absurdo”.

Ademais de estar vulnerando o propio regulamento da Cámara, esta falta de documentación proba que o Executivo galego “chega tarde a este debate e leva ano e medio instalado na ambigüidade e na falta de ambición política, comportándose como un Goberno ausente e submiso a Madrid, sexa cal sexa o prezo para Galiza”, criticou Presas.

Por iso, o Bloque reclama a comparecencia de Feijóo “quen saldou a súa tourné ministerial para facer que fai, con cero avances en canto ao modelo de financiamento”. Presas lembrou que fai un ano que Rajoy anunciara na Conferencia de Presidentes  a entrada en vigor dun novo sistema de financiamento en 2017 pero, a día de hoxe, non hai nada máis aló do informe da Comisión de Expertos para a Revisión do Modelo de Financiamento Autonómico.

Galiza foi, xunto con Murcia e Asturias, a única que non presentou ningún voto particular a ese informe en defensa dos seus intereses: “Temos que ir a unha negociación bilateral, debemos ter liña directa co Goberno do Estado para negociar o sistema de financiamento que precisa Galiza e no BNG temos claro que ese modelo é o do concerto económico”, salientou Presas.

O BNG alerta que o contido do informe dos expertos só recolle “cambios cosméticos” que aínda poden empeorar a situación de agravio con Galiza, “e non se aborda a cuestión do custe real da prestación de servizos, pola contra, parece que queren que comulguemos con rodas de muíño”. Ademais, o informe pon en cuestión os tributos cedidos e propios, “porque moitas das propostas que se formulan supoñen unha restrición da capacidade fiscal das autonomías, como o imposto do patrimonio”, denuncia Presas, alertando da onda recentralizadora do PP.

“O Bloque aposta por un cambio de modelo que mude a nosa relación económica co Estado a través dun concerto económico, e alertamos que co que hai enriba da mesa este modelo que xa é insuficiente pasaría a ser peor pola neglixencia do Goberno de Feijóo”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG