Noa Presas demanda da Xunta un cambio de rumbo para que Galiza recupere o liderado no sector eólico

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas demanda da Xunta un cambio de rumbo para que Galiza recupere o liderado no sector eólico

A portavoz de Industria, Noa Presas, cualificou de “desolador” o balance da década de Goberno de Feijóo en materia eólica,  sector liderado por Galiza antes da “cruzada demagóxica” contra o concurso do Executivo do bipartito, “paralizando por mero sectarismo ideolóxico un proceso que situaban este país na vangarda da produción eólica no Estado”.

Con 3.000 megavatios instalados en 2009, cando era superada só por Castela-A Mancha, Galiza caeu á cuarta posición.

“Os datos falan por si mesmos e evidencian o fracaso da Xunta”, salientou Presas. “Prometeron 2.600 megavatios e non instalaron nin o 25% e tardaron máis de 4 anos en autorizar os primeiros, prometeron 1.400 empregos e non xeraron nin a cuarta parte, de tal xeito que o emprego no sector caeu nun 80%”.

Parón no emprego e no investimento, criticou Presas, pese a que o país partía dunha posición de fortaleza para encarar a crise económica, “pois tiña feito un potente esforzo investidor que o Goberno de Feijóo desaproveitou”. Como resultado, a “paralización” do sector, agravada polos cambios na política das renovables do Executivo central.

Presas tamén lle reprochou ao conselleiro de Industria, Francisco Conde, o custe para as arcas públicas de 3 millóns de euros en indemnizacións ás empresas prexudicadas pola anulación do concurso eólico do bipartito, “a maioría pequenas empresas galegas”.

Ante esta situación e de cara ao futuro, Presas pediulle a Conde “honestidade” cos galegos e galegas “cunha avaliación rigorosa das consecuencias da súa política no sector eólico” e, por outro lado mirar cara o futuro “cun cambio de rumbo para que Galiza non quede atrás e recupere o liderado perdido neste sector”.