Noa Presas cualifica de tomadura de pelo os orzamentos do Estado para Ourense

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas denuncia novo agravio con Ourense nos Orzamentos: “vellas promesas incumpridas demostran que nin Jesús Vázquez, nin Baltar nin Feijoo teñen peso político en Madrid nin defenden os intereses ourensás”.

O BNG presenta no próximo Pleno do Parlamento Galego un Plan de Compensación Ferroviario para o interior de Ourense e Lugo que inclúe esixir un calendario para poñer fin á estafa do AVANT.

A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, compareceu hoxe en rolda de prensa para facer unha avaliación detallada dos Orzamentos do Estado para Ourense así como para avanzar que o BNG presenta no próximo Pleno do Parlamento Galego propostas para reverter o agravio en materia ferroviaria con Ourense.

PLAN DE COMPENSACIÓN FERROVIARIO PARA O INTERIOR DE OURENSE E LUGO E CALENDARIO PARA POÑER FIN Á ESTAFA DO AVANT.

Presas recordou que “a consecución dun transporte ferroviario digno para o interior de Lugo e Ourense é unha prioridade política para o BNG e no próximo Pleno solicitamos demandar ao goberno central un Plan de Compensación Ferroviario para o interior de Ourense e Lugo que poña punto e final ao agravio que sufrimos. Ourense tamén existe e merece un transporte tan bo como o do eixo atlántico.”

A batería de medidas que presenta o BNG comprende a “transferencia das competencias en materia de ferrocarril interior, xunto cun financiamento axeitado, co obxectivo de desenvolver o tren de proximidade galego que o PP impediu no interior de Galiza mentres si chegaba a outros puntos do noso país e do Estado”. Ademais demanda o “ aproveitamento para a proximidade das liñas existentes e a súa modernización, a mellora da seguridade e a ampliación de frecuencias”.

No abano de propostas as nacionalistas tamén insisten en “calendarizar o cumprimento dos acordos parlamentarios de hai dous meses para poñer fin á Estafa do Avant e conseguir o abaratamento da Liña Avant Ourense-Santiago-Coruña e a mellora das frecuencias horarias e condicións dos bonos de transporte. No BNG temos un compromiso con Ourense sobre esta cuestión e non imos permitirlle ao PP que mire para outro lado.”

OURENSE NOS ORZAMENTOS

A formación nacionalista fai “unha valoración moi negativa xa que se consolida un retroceso de 15 anos nos investimentos para Galiza seguindo a liña do recortazo de 2017, e novamente Galiza baixa dos 1.000 millóns de euros e ve como aínda que aumenta a recadación e se supera a recesión económica Ourense segue a perder, tamén na caída do investimento territorializado ao que se suma unha execución baixísima”.

Como exemplo dos incumprimentos e baixa execución presas sinalou que “a dotación para o tramo do AVE Olmedo-Lubián-Ourense descende en 54,6 millóns de euros, isto é, un 11,8% a respecto do 2017 e as contas demostran que no 2017 tamén nos mentiron e a execución está nun escaso 51%. Así mesmo é unha tomadura de pelo que a Variante de Ourense conte con só 3 millóns dos máis de e 635 que custa, iso demostra que nin é prioritaria nin se quere rematar en 2021”

Porén “desde o BNG insistimos que as necesidades das e dos ourensás non comezan nin rematan no AVE e denunciamos que só se destinen 2.8 millóns para investimento ferroviario fóra da alta velocidade ao tempo que temos unhas vías en estado deplorable, con continuos incidentes e unhas liñas rexionais inservíbeis para conectar as comarcas ourensáns”.

Así mesmo, Presas referiu a “tomadura de pelo que se sigan eternizando compromisos como o Arqueolóxico, paradigma do abandono cuns míseros 400.000 euros ou que unha infraestrutura como a A-52 estea abandonada non contemple novos tramos de mellora, o da Gudiña chegou tarde e non vemos orzamento para tramos tan delicados como o de Xinzo-Riós enormemente erosionados que supoñen un perigo”.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG