PARLAMENTO GALEGO

Noa Presas cualifica de “conxuntural” o incremento do turístico en Galiza

Noa Presas cualifica de “conxuntural” o incremento do turístico en Galiza
  • A nacionalista lembrou que os indicadores do turismo nos últimos anos, “son positivos” pero responden máis  a situación “conxuntural” pola diminución dos destinos a países do Islam que  á  acción da Axencia de Turismo

A deputada do BNG, Noa Presas  admitiu hoxe que os indicadores do turismo en Galiza son positivos pero  responden a unha “situación conxuntural” que ten a ver coa diminución desta actividade en países coñecidos como destinos do Islam e “non a acción da Axencia de Turismo”.

Trala comparecencia da directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, a nacionalista apostou por novas estratexias para incrementar a oferta  en Galiza para os vindeiros catro anos co fin de aproveitar  esta actividade de desenvolvemento económico para o noso país.

Na súa intervención  Noa Presas tamén  preguntou á responsable de Turismo  pola Área de Estudos e Investigación da  Axencia  e se está previsto ampliala máis alá de aportar só aspectos numéricos. Neste sentido, a deputada reclamou estudos cualitativos así como liñas específicas para o propio sector.

Por outra parte, a deputada do BNG criticou que o Camiño de Santiago non sexa xestionado por Cultura e Patrimonio polo que reclamou iniciar unha liña de colaboración para manter o camiño primitivo despois das moitas queixas recibidas polo que considerou “unha política de palabras pero carente  de feitos”. Entendemos que o Xacobeo pode ser unha oportunidade para o diálogo con outras institucións e “limar algunhas das asperezas”, recalcou.

A parlamentaria do BNG insistiu en que o modelo de xestión máis eficaz sería “un consorcio participado pola Xunta, sector privado e institucións” auditado sempre por intervencións e secretarias oficiais baixo criterios de “transparencia e evitando duplicidades”.

Finalmente, Noa Presas preguntou á directora de Turismo a quén beneficia o novo canon da auga termal incluído na Lei de acompañamento, cuestión que Nava Castro eludiu responder.