Noa Presas critíca a prepotencia do PP e avisa que “non queremos un Parlamento sucursal de San Caetano”

Noa Presas
Noa Presas

A modificación orzamentaria unilateral da Xunta pretende “botar fume” sobre o recortazo de 442 millóns de euros do Estado en Galiza, denuncia

Noa Presas critíca a prepotencia do PP e avisa que “non queremos un Parlamento sucursal de San Caetano”

A portavoz parlamentaria de Economía Noa Presas criticou a “prepotencia” da Xunta ao vetar a presentación de emendas ao proxecto de lei que modifica os orzamentos de 2017, unhas contas públicas que para o Bloque son o reflexo de como o Goberno galego “se somete a Madrid sen dar alternativas á maioría social”.

A imposición da tramitación por lectura única é unha nova mostra da falta de diálogo do PP.  “Teñen maioría si, maioría en prepotencia, a mesma que lles impide escoitar aos traballadores e traballadoras que están en folga, nin aos pais e nais dos centros escolares pechados, nin a comarca da Costa da Morte, unha prepotencia coa que non escoitan nin fora nin dentro desta Cámara”, denunciou Presas.

“Será regulamentario, pero non é democrático”, sintetizou a deputada, quen advertiu ao PP que non conte co Bloque para amordazar ao Parlamento: “Sabemos que a Xunta é unha sucursal de Madrid, pero non esperen que convertamos este Parlamento nunha sucursal de San Caetano”.

Presas avanzou que a modificación dos orzamentos sairá aprobado sen incorporación algunha por parte dos grupos da oposición, pese a que o Bloque presentou unha emenda a totalidade con texto alternativo, e denunciou que detrás da modificación orzamentaria do PP hai unha “estratexia de marketing e publicidade” para agochar a redución de 442M€ nos investimentos do Estado en Galiza, “botar fume por riba do recortazo”, sintetizou.

Ademais, salientou a deputada, demostra que non se fixo unha planificación acertada e que faltan recursos para garantir os servizos básicos, tendo en conta que desde 2008 Galiza deixou de recibir case 9.000M€” debido a un sistema financiamento inxusto, “e aínda pretenderán que lle deamos as grazas a papa Estado”.

Reverter o peche de centros e un plan de ensino público no rural e na montaña, entre as prioridades da emenda presentada polo Bloque, que tamén propón incrementar os fondos para a normalización lingüística, para a contratación de persoal sanitario, duplicar a contía destinada á RISGA, máis fondos para I+D+i e incrementar a dotación contra os lumes.