Noa Presas critica a falta de compromiso da xunta para mellorar a área sanitaria de Valdeorras

NOAPRESAS PLENO PARLAMENTO 23.03.17
Noa Presas
  • “Non podemos ter unha Galiza de dúas velocidades na que @s pacientes do interior sexan galeg@s de segunda en atención sanitaria”, denunciou
  • Demanda máis persoal e mellorar as dotacións dos centros de saúde para unha poboación de 30.000 persoas

A deputada por Ourense, Noa Presas, critica a falta de compromiso da Xunta para mellorar a área sanitaria de Valdeorras tras escoitar a resposta do conselleiro de Sanidade no pleno do Parlamento negando calquera tipo de problema no servizo que se lle presta a unha comarca cunha poboación de 30.000 persoas.

“Non podemos ter unha Galiza de dúas velocidades, na que os e as pacientes do interior sexan tratados como galegos e galegas de segunda en canto á atención sanitaria que reciben”, denunciou. Presas puxo de manifesto a dispersión xeográfica e o alto nivel de envellecemento da poboación “o que fai imprescindible contar con máis persoal e unha maior dotación nos centros de saúde, como reclaman tanto os usuarios como os profesionais”.

A deputada tamén puxo sobre a mesa as deficiencias do Hospital do Barco, “onde pese a recibir numerosos pacientes con afeccións respiratorias derivadas do seu traballo nas empresas pizarreiras da zona, carece de unidades específicas para tratar esta doenza”.

Presas advirte contra o “caos organizativo” que ven sumarse “ás rebaixas continuadas en materia de dotación de persoal, infraestruturas e materiais como consecuencia das políticas de recortes do PP, que se traducen nun deterioro permanente da atención primaria que é porta de entrada ao sistema sanitario”. Igualmente, advirte que o hospital valdeorrés carece de suficiente persoal cualificado para tratar as doenzas propias dunha poboación tan envellecida.

A situación agrávase pola dispersión territorial dos e das usuarias na comarca de Valdeorras, especialmente con condicións meteorolóxicas adversas, que dificultan o desprazamento dos e das profesionais da sanidade que teñen as súas horas de traballo distribuídas en diferentes centros.

“Estamos moi preocupadas por este continuo deterioro, polos recortes de persoal que afecta a toda a área sanitaria e que se fan notar con máis intensidade nos concellos do rural, onde a veciñanza se ve forzada a facer quilómetros para poder ter unha atención fundamental como o servizo de pediatría”, conclúe Presas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG