Noa Presas: “O BNG non vai ser cómplice de pechar en falso a Comisión de Investigación das Caixas”

Noa Presas (Comisión Investigación Caixas)
Noa Presas (Comisión Investigación Caixas)
Noa Presas: “O BNG non vai ser cómplice de pechar en falso a Comisión de Investigación das Caixas”
  • A nacionalista lamentou que o Partido popular non aceptara incluír no plan de traballo  as aportacións do BNG para introducir  novas  comparecencias e  documentación imprescindible á hora de  definir o mapa completo do sistema financeiro na última década  

A parlamentaria do BNG, Noa Presas afirmou hoxe na comisión de investigación das caixas que o BNG “non será cómplice de pechar en falso esta comisión” como pretende o Partido popular ao impedir novas comparecencias e documentación “imprescindible” para definir o mapa completo do sistema financeiro galego na última década.

Para a nacionalista, o plan de traballo imposto polo Partido popular  impedirá que o Parlamento sexa capaz de “esclarecer e afondar” na deriva das  caixas galegas e posterior venda. Dende o BNG reiterou, “non seremos cómplices de aprobar un plan de traballo que pechará en falso o cometido da comisión”. O plan de traballo “valeira de contido a palabra parlamento e democracia” polo que solicitou que fora reconsiderado.

Noa Presas explicou que as achegas do BNG ao  traballo da comisión  recollían as dificultades das caixas de aforro pero tamén “a súa ocultación á opinión pública”. Tralas sentenzas da Audiencia Nacional e o Tribunal Supremo nos anos 2015 e 2016 constataron que Caixa Galicia encontrábase en situación de insolvencia e Caixa Nova tamén afectada por problemas de viabilidade, isto, dixo a deputada,  introduce unha novidade que debe ser investigada tendo en conta que as contas oficiais  das caixas reflectían beneficios que coincidiron coa emisión de participacións  preferentes.  

Por outra parte, Presas tamén cuestionou o papel do Banco de España  tras o descubrimento de  indicios de “irregularidades” relacionadas co entorno familiar de José Luís Méndez , feito que , en opinión da nacionalista, esixe unha documentación máis ampla para seren avaliada. A parlamentaria do BNG lembrou  que existiu unha “evidente maquinación para enriquecerse persoalmente” como recollía unha resolución aprobada por unanimidade  neste parlamento no debate do Estado da nación no ano 2014.

Outras actividades das caixas, reiterou, tamén presentaban irregularidades  como denunciou o propio FROB estimando un prexuízo nas arcas públicas de 170M€, circunstancia na que tamén, insistiu, tería que profundar esta comisión. Dende o BNG, engadiu, entendemos que resulta necesario que comparezan os  responsables dos estudos do FROB e  directivos das caixas para avaliar o acontecido “na súa xusta medida”. Asemade, considerou que a “venda anticipada de Novagalicia-Banco con perdas” contrasta cos beneficios declarados por ABANCA nos seguintes exercicios e estas operacións deben ser tamén avaliadas pola comisión.

Finalmente, a deputada afirmou que  existen “responsabilidades políticas” que  deben ser analizadas así como a “peor  evolución do crédito e depósitos” coincidindo coa proceso das caixas  de aforro e a perda de servizos bancarios e oficinas.