Galegas 2016

Noa Presas: O BNG disputa en Ourense ao PP o escano que pode inclinar a maioría no Parlamento”

O BNG pechou onte a campaña en Ourense con dous actos simultáneos na cidade e en Viana. No mitin da explanada das Burgas, as nacionalistas despregaron un mural co mapa da provincia no que pegaron as verbas ‘Emprego’, ‘Vida’ e ‘Futuro’. A cabeza de lista, Noa Presas, referiu dez medidas que a fronte levará ao Parlamento “para dar solucións á Galiza que nos deixa o PP”. Presas comezou citando a proposta da Renda de Garantía Social, “para que ningún fogar fique sen ingresos suficientes para a subsistencia” e sinalou que na actual situación de emerxencia que vive Ourense esta é unha medida urxente que deberá acompañarse de outras que eviten que máis poboación caia na exclusión social. E referiu a oportunidade de implantar unha tarifa eléctrica galega que rebaixe os custes ordinarios dos fogares.

Tamén fixo Presas mención da necesidade de que Galiza se dote dunhas institucións propias “para xestionar os nosos impostos, como unha Facenda galega”, e para “axudar á recuperación do emprego coa intervención pública a través dunha banca pública galega”.

A candidata nacionalista indicou ademais propostas de inversión para “recuperar e reforzar o servizo público de sanidade” e “acalidade do ensino público” á que vinculou tamén á recuperación da lingua galega, “eliminando o decreto do plurilingüismo e avanzando na ILP Paz Andrade”.

Finalmente, Presas explicou que o BNG aposta por revitalizar a cultura en galego, entre outras medidas coa creación do Teatro Nacional de Galiza, “duplicar o gasto en investigación”, e rematou sinalando que “a emigración é a última opción” e que o BNG impulsará o Plan Retorna dirixido a incentivar o traballo no país de mozas e mozos que emigraron, “máis de 16.000 só en Ourense desde que goberna Feijóo”.

“O BNG -resumiu Presas- é o antídoto contra as políticas do PP e do baltarismo e disputa nesta provincia o último escano ao PP, o escano que pode inclinar a maioría no próximo Parlamento galego”.

O peche de campaña do BNG en Viana contou coas intervencións de Suso Vilasánchez, número dous da lista ao Parlamento, a ex parlamentaria Tereixa Paz e o alcalde da localidade, Secundino Fernández.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG