Noa Presas anuncia novas iniciativas ante a inacción da Xunta para acabar coa estafa do Avant a Ourense

Noa Presas
Noa Presas

Lembra que xa se cumpriron seis semanas desde o acordo parlamentario para mellorar o transporte ferroviario en Ourense

Noa Presas anuncia novas iniciativas ante a inacción da Xunta para acabar coa estafa do Avant a Ourense

A deputada por Ourense, Noa Presas, advirte que o BNG non vai permitir que a Xunta bote en saco roto o acordo parlamentario para acabar co “tarifazo” do avant que conecta a cidade das Burgas con Santiago e A Coruña, nin a petición de flexibilizar os bonos ferroviarios, nin o acordo para baixar o prezo do billete que discrimina á cidadanía da provincia con prezos ata un 60% máis caros que en percorridos do Eixo atlántico.

“Mes e medio despois, o Goberno de Feixóo non moveu un dedo”, denuncia Presas, quen xa anunciou que volverá levar este asunto ao Parlamento con novas iniciativas “ante a vaguidade” da resposta dada polo representante da Xunta na Comisión de Infraestruturas.

“Que actuacións levou a cabo o Executivo galego para facer efectivos os acordos de mellora do tren en Ourense? Esa era a nosa pregunta, e a resposta foi insuficiente e decepcionante, sen ningunha concreción, temos dereito a que se poña punto final á estafa do avant, abaratar billetes e mellorar horarios. O BNG ten un compromiso con Ourense e non permitiremos que sega esta discriminación”, asegurou Presas.

Outro dos puntos que incluía a proposta do Bloque aprobada na Cámara era ampliar a frecuencia horaria da liña rexional Ourense-Santiago para mellorar a mobilidade e entre as poboacións intermedias de acordo coa demanda, ademais de modernizar a vía.

“Pero este mes un vagón ardeu á altura de Maside, unha avaría á altura de Bandeira que provocou un atraso de case catro horas, un desprendemento ao paso por Arbo provocou un corte da liña Ourense-Vigo durante nove días e houbo un descarrilamento en Pantón na liña Ourense-Lugo”, enumerou Presa, “todas estas incidencias non son  froito da casualidade, senón resultado do progresivo desuso das vías polas que circulan os trens rexionais”.

A estafa das tarifas do avant, os horarios deficientes, a ineficacia das tarxetas desconto, e o abandono das liñas de cercanías son a evidencia máis visible da discriminación que soporta Ourense por parte da Xunta e do Goberno do Estado en materia de transporte por tren.