Noa Presas acusa a Almuíña de tratar Ourense como provincia de segunda en materia de sanidade

Noa Presas
Noa Presas

Reclámalle que mellore a instalación do servizo de cociña no CHUO cuxo estado prexudica tanto @s traballador@s como ás persoas doentes

A deputada por Ourense, Noa Presas, preguntou ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, a que obedecía o seu empeño en negarlle a cidade das Burgas e ao conxunto da provincia unha sanidade de primeira e, por contra, esforzarse en poñer “unha sucesión de obstáculos” tanto aos profesionais como ás persoas usuarias do sistema público de saúde, obrigando a cidadanía de Ourense a unha “mobilización continua para que vostede faga os seus deberes e leven a cabo as actuacións que deberan executar de oficio”.

Ao peche de camas, á saturación do servizo de urxencias, á falta de persoal, á recente folga das traballadoras da limpeza á que que mantén agora o cadro de persoal do servizo de mantemento súmase agora a demanda de melloras na instalación do servizo de cociña do CHUO, “elemento fundamental en calquera hospital, pola complexidade de adaptar as dietas e de preparar o alimento para tantas persoas”.

Pese a que a seguridade e  hixiene deben ser unha prioridade sempre, canto máis na cociña dun hospital, “temos que denunciar unha vez máis que a mellora das instalacións da cociña é unha petición constante que o Goberno ignora, como ignorou as peticións mentres as instalacións se deterioraban ata o punto de que a falta de mantemento do chan causa caídas frecuentes ou que os electrodomésticos teñen avarías constantes, e todo deriva en  inseguridade laboral”, denunciou.

Presas fixo referencia a que as obras de ampliación dun novo edificio para o CHUO, coa previsión dunha nova cociña, parecía unha oportunidade “que naufragou cando, tras dous anos de atrasos, o novo edificio abriu as portas sen servizo de cociña. E mentres cociña nova non sabemos cando chegará, a actual está nun estado deplorable”, criticou.

“Hai un mes estragouse o conxelador e quedou todo desconxelado co risco que iso supón, recentemente ardeu o tren de lavado e así está toda a maquinaria porque coa desculpa dunha nova cociña que non chega  non melloran as instalacións”, argumentou.

Lonxe de mellorar, a situación empeorou, posto que os e as traballadoras teñen que percorrer unha media de 12 km por servizo para levar a comida, e tamén para as persoas usuarias, porque os alimentos chegan fríos aos doentes porque se transportan en carros que non conservan a temperatura.

“Esta é unha situación límite que non se pode consentir”, concluíu Presas, ante un conselleiro de Sanidade que non foi capaz de dar ningunha data concreta para a solvertar a situación de deterioro do servizo de cociña no CHUO.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG