Multan a 9 militantes do BNG polas protestas contra a suba das peaxes da AP-9 na inauguración de Rande

Militantes multados por Interior
Militantes multados por Interior

O deputado do BNG, Luís Bará anunciou a presentación no Parlamento Galego dunha serie de iniciativas para denunciar a evidente regresión das liberdades democráticas no Estado Español

Multan a 9 militantes do BNG polas protestas contra a suba das peaxes da AP-9 na inauguración de Rande

O deputado do BNG, Luís Bará anunciou a presentación no Parlamento Galego dunha serie de iniciativas para denunciar a evidente regresión das liberdades democráticas no Estado Español, con multas ou penas de prisión a persoas cuxo único delito é a defensa práctica dos seus dereitos fundamentais, como son o dereito de expresión, folga ou manifestación.

Fíxoo nunha comparecencia pública arroupado por seis dos nove compañeiros multados por participar o pasado 30 de decembro nun acto pacífico e democrático de denuncia do escándalo que supoñía a inauguración por parte do Presidente do Estado “da suba da peaxe da autoestrada”. Porque diso se tratou, xa que as obras de ampliación aínda hoxe, tres meses despois, non están rematadas.

Estas multas hai que enmarcalas -sinalou Bará- “no proceso de involución democrática que está tendo lugar no Estado Español", con recursos cada vez máis evidentes e constantes á represión, ás sancións económicas, ao código penal, todo isto ao abeiro dunha Lei claramente represiva como é a denominada Lei Mordaza, e cun único obxectivo: amedrentar á poboación. O deputado nacionalista dixo non entender como a estas alturas da lexislatura, cunha teórica maioría no Congreso contraria a estas Leis regresivas, non impulsasen aínda a súa derogación.

Luís Bará citou como exemplos que se están a tramitar denuncias polo mero feito de exhibir bandeiras galegas nos campos de fútbol, ou por exercer o dereito de folga ou manifestación. Denuncias que por desgracia, en non poucas ocasións, rematan con penas de prisión para sindicalistas, artistas ou twuiteiros polo único “delito” de excercer os seus dereitos fundamentais como son o de expresión, manifestación ou folga.

Un Estado represor, centralista e autoritario

Hoxe por hoxe está claro que a resposta do Estado ás manifestacións da cidadanía son as propias dun Estado autoritario, centralista e represor, que busca crear na poboación un ambiente de medo, censura e autocensura.

Esta política represiva, que desde diversos foros se está a comparar coa Turquía de Erdogan, está deixando en evidencia ao Estado español. Non hai máis que ver -sinalou o deputado nacionalista- as sentencias condenatorias do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ou do Comité de Dereitos Humanos da ONU.

O BNG, dixo Luís Bará, “non se vai deixar amedrentar, e vai seguir combatendo os abusos, a estafa e o espolio perpetrado por Audasa coa connivencia dos gobernos do Estado e da Xunta”.

Non deixa de chamar poderosamente a atención, en palabras do deputado nacionalista, que se multe a unhas persoas polo mero feito de protesta pacificamente, exercendo o seu dereito á liberdade de expresión, mentres á concesionaria da AP9 non se lle aplicara ningunha, aínda que razóns había abondo, pola reiterada mala xestión que fai dos atascos da AP9 nin polas obras -cheas de incidencias- da propia ampliación da ponte de Rande.