PARLAMENTO GALEGO

Montse Prado: “O servizo de urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro parece un campo de refuxiados”

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado: “O servizo de urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro parece un campo de refuxiados”
  • O BNG pon o Hospital de Vigo como exemplo das consecuencias para a atención sanitaria da falta de persoal e de camas pechadas
  • O SERGAS admite que esta mañá había 47 persoas pendentes de ser ingresadas e a apertura de 30 camas

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, botou man do aluvión de queixas de diversos usuarios e usuarias que chegaron estes días ao Grupo do BNG denunciando colapsos no Hospital Alvaro Cunqueiro que, literalmente, describían a situación de urxencias como de “mercado de gando” ou “campo de refuxiados”, debido ao amoreamento de doentes polos corredores e salas de espera agardando a ser atendidos.

“O servizo de urxencias do Hospital de Vigo parecía un campo de refuxiados, con persoas esperando durante horas para ser atendidas en calquera parte do hospital”, lamentou Prado, quen atribuíu esta situación de colapso “á falta de persoal e ao peche de camas”, o que implica unha “presión asistencial” sobre os profesionais que prestan o servizo nunhas condicións que “reduce a calidade do servizo”.

Aínda que os colapsos son comúns á maioría dos centros hospitalarios, Prado indicou que o Álvaro Cunqueiro é un exemplo das consecuencias dos recortes do PP en servizos básicos como a sanidade.

“A falta de persoal afecta a todas as categorías, o 50% do persoal esta rotando e encadeando contratos, non se cumpren as ratios de usuarios atendidos por médico, cunha media de ata quince doentes, mentres en boxers acumúlanse os e as enfermas de xeito indecente, a zona central do hospital é un aparcadoiro de padiolas”, describiu Prado.

O propio Sergas, a través do director de Atención sanitaria, admitiu na comparecencia parlamentaria que esta  mañá había no Álvaro Cunqueiro 47 persoas esperando a ser ingresadas e que tiveron que habilitar 30 novas camas que estaban pechadas.

A deputada nacionalista pediu ao Goberno “medidas concretas para incrementar persoal no servizo de urxencias”, tal e como están a demandar os propios profesionais desde o primeiro día da posta en funcionamento dun centro “que prometía ser a xoia da coroa”. “Hai menos camas das que se precisan para atender á poboación sanitaria da área de Vigo e as deficiencias detectadas e denunciadas seguen a ser as mesmas e non se corrixiron”, conclúe Prado.