Montse Prado reclama no Parlamento maior dotación de persoal no centro de saúde de Cambados

Montse Prado
Montse Prado

Advirte que a redución de efectivos dáse coincidindo cun aumento da poboación a raíz da época estival e da semana da  festa do albariño

Montse Prado reclama no Parlamento maior dotación de persoal no centro de saúde de Cambados

A deputada por Pontevedra, Montse Prado, reclamou a Xunta que garanta o persoal sanitario suficiente no centro de saúde de Cambados durante a época estival, na que se produce un incremento substancial da poboación da vila, en particular na semana da celebración da festa do albariño. A nacionalista advirte que a política de non substituír ao persoal que colle vacacións provoca un deterioro do servizo.

“Non cobren o persoal sanitario que está de vacacións e invéntanse o termo intersubstitución, que significa que os profesionais teñen que facer o traballo propio e o do que non está, porque a Xunta non vai substituír a ningún facultativo no centro de saúde de Cambados no verán e tampouco no caso de persoal de servizos xerais e de enfermería”, denunciou Prado na Comisión de Sanidade.

A deputada alega que “xa sería difícil que co mesmo persoal se atendera a máis usuarias potenciais, pero é que haberá menos por mor dunhas vacacións que deixa vacantes que non se cobren”. Así, advirte que non haberá atención de medicina xeral no centro de saúde de Cambados pola tarde nos meses de verán, “e a pediatría limítase a catro hora a costa de aumentar a xornada de profesionais que prestan servizo noutros centros”.

“Que tipo de atención sanitaria se pode prestar nestas condicións?”, interpelou Prado, tras advertir contra contratos de días e mesmo de horas por parte do SERGAS, “e despois serán esas as persoas que computen nas estatísticas da Xunta como as que deixan o desemprego”, salientou.

Prado cualificou de “indecentes” as escusas do director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal: “Non é de recibo unha situación na que se pecha a mediodía o centro de saúde de Cambados, nin a presión brutal que descargan sobre os profesionais da sanidade”, indicou, tras preguntar infrutuosamente se a Xunta ía atender a petición do Goberno local de incrementar persoal  polo menos na semana de maior afluencia estival coincidindo coa celebración da festa do albariño.