Montse Prado reclama incrementar en nove o cadro de persoal de celador@s no Hospital do Salnés

Montse Prado
Montse Prado

“Non pode haber hospitais de primeira e de segunda e non hai bo servizo sanitario sen persoal suficiente”, alega a deputada

Montse Prado reclama incrementar en nove o cadro de persoal de celador@s no Hospital do Salnés

A deputada por Pontevedra Montse Prado reclamou no Parlamento incrementar en nove o número de celadores e celadoras no Hospital do Salnés, nun servizo necesario para o bo funcionamento do centro hospitalario pero que arrastra menores ratios que a media do SERGAS desde o seu inicio.

“Hai unha cuestión evidente: Non pode haber bo servizo na sanidade senón hai profesionais suficientes e traballando en condicións acaídas”, salientou Prado no debate na Comisión parlamentaria de Sanidade co xerente do SERGAS, Antonio Fernández Campa. “As demandas deste colectivo son máis que xustas, porque só reclaman ser tratados igual que o resto dos seus homólogos no sistema galego de saúde”.

"Non piden ningunha mellora, senón un trato digno, é unha demanda de mínimos, que o Hospital de Salnés non sexa tratado como un centro de segunda e que os e as doentes sexan atendidos nas mesmas condicións que no resto de hospitais, e que eles como colectivo teñan as mesmas condicións laborais”, alegou Prado.

Na actualidade existen no centro do Salnés un total de 25 celadores e celadoras, a maior parte en situación precaria, cando un estudo de necesidades realizado en 2008 durante o goberno bipartito cifraba en 30 o número de persoas para o correcto funcionamento deste servizo.

“Pero nove anos despois e pese as diversas ampliacións no centro, como a posta en marcha da 3º planta, ampliación do servizo de urxencias ou a área cirúrxica, aínda non se completou o cadro de persoal deste servizo”, indicou Prado.

“Teñen que facer tarefas simultáneas, obrigados a estar localizados continuadamente, un ritmo de traballo que lles leva a ocuparse de plantas enteiras e que provoca un alto nivel de estrés e prexudica a atención das persoas usuarias”, denunciou a deputada. “Chegan a facer unha media de dez e ata doce quilómetros diarios para a realización do seu traballo dentro do hospital”, concluíu.