Montse Prado: “O PP quere plasmar en lei o negocio coa saúde recortando servizos e prestacións”

Montse Prado
Montse Prado

Advirte que o anteproxecto do Goberno consolida a liña de recortes, prioriza o criterio economicista e supón un retroceso na atención primaria

Montse Prado: “O PP quere plasmar en lei o negocio coa saúde recortando servizos e prestacións”

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, reclamou no Parlamento a retirada do anteproxecto que modifica a actual Lei de Saúde de Galiza de 2008 porque significa darlle categoría legal a folla de ruta marcada polo PP para facer negocio coa sanidade.

“A pretensión do Goberno de Feijóo é que sexa legal recortar en servizos e prestacións sanitarias, darlle rango de lei a folla de ruta marcada xa fai tempo polo PP para facer da saúde un negocio privado”, denunciou Prado, que apoia a súa denuncia no propio texto do anteproxecto presentado pola Xunta “con nocturnidade e aleivosía”.

A lei en vigor, sinalou, “establece que a prestación de servizos sanitarios e a delimitación das áreas farase tendo en conta as necesidades sanitarias da poboación, pero o anteproxecto establece que se fará tendo en conta os recursos sanitarios existentes”, unha modificación substancial que o BNG considera “inaceptable”.

“Non se priorizan as necesidades sanitarias da poboación senón que estas quedan ao pairo dos recursos que o PP decida destinar á sanidade pública, que non deixou de recortar desde que volveu ao Goberno da Xunta”, alegou a deputada. O Bloque advirte que a atención primaria sae especialmente prexudicada neste anteproxecto de modificación da Lei de saúde, que tamén recolle a supresión das actuais áreas sanitarias.

Por contra, a formación nacionalista defende que se manteñan todas as áreas e se creen as de Verín, Barbanza e Cee. “A atención primaria precisa mellorar a súa calidade con dotación de persoal, recursos e un correcto financiamento da carteira de servizos”, salientou Prado. Por contra, coa modificación que pretende aprobar o PP “a situación vai agravarse porque a atención primaria pasa a ser mero apéndice dos grandes hospitais”.

A portavoz de sanidade tamén advertiu sobre o “alarmante” recorte dos mecanismos de participación social “que quedan totalmente amordazados”. “O BNG manifesta a súa oposición a esta modificación que significa confirmar o afastamento dun modelo sanitario de calidade, próximo á poboación, orientado á prevención e participativo”, concluíu.