Montse Prado: “O PP non quere dar a cara diante dos mariñeiros aos que lles rouban anos de xubilación”

Montse Prado
Montse Prado

Asegura que Rajoy mófase de Feijóo ignorando a petición do Parlamento para acabar cunha situación que discrimina aos tripulantes galegos

Montse Prado: “O PP non quere dar a cara diante dos mariñeiros aos que lles rouban anos de xubilación”

“Non queren dar a cara ante os mariñeiros aos que lles están roubando anos da súa xubilación”, espetou a portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado, ao PP tras vetar a proposta do BNG para demandar ao Goberno central que retire a circular de setembro de 2017 na que, unha vez máis, os tripulantes galegos de augas internacionais quedan excluídos da aplicación dos coeficientes redutores que lles daría acceso á xubilación anticipada.

Prado tildou de “escándalo” a posición do PP votando en contra desta petición e da proposta de facer unha sesión da Comisión de Pesca específica para abordar esta cuestión coa comparecencia de todos os afectados, “non se atreven a dar a cara, esa é a triste realidade, e prefiren seguir co seu servilismo a Madrid”, alegou.

A deputada lembrou que o Parlamento aprobou dúas iniciativas para corrixir este agravio cos mariñeiros galegos, unha do BNG e outra do PP. Como resposta, o Ministerio de Pesca non só ignorou as demandas unánimes da Cámara galega senón que, con posterioridade, aprobou novas circulares que manteñen a mesma discriminación cos tripulantes galegos.

“Din aquí que o PP fixo os deberes, que a Xunta fixo os deberes dirixíndose ao Goberno central, e que fixo o Goberno central? Sacar unha circular da que deberían avergonzarse, na que seguen excluíndo aos nosos mariñeiros, ese é o magnifico traballo da Xunta de Galiza, esa é a resposta do Goberno de Madrid, burlándose de todos e todas, empezando por burlarse do Goberno galego”, denunciou Prado.

Pese as reiteradas peticións do sector, co total apoio do BNG e mesmo pese as dúas propostas aprobadas polo Parlamento, os mariñeiros galegos que faenan en augas internacionais seguen sen poder beneficiarse da xubilación anticipada porque quedan excluídos da aplicación dos coeficientes de redución recollidos no RD 1311/2007, debido a interpretación que a Dirección de Mariña Mercante fai de tal normativa.

O agravio afecta en particular aos tripulantes de cefalopodeiros, palangreiros e arrastreiros que faenan sobre todo no Índico e no Pacífico, que o Ministerio de Pesca exclúe por considerar que non entran na categoría de barcos conxeladores ao non  superar os 70 metros de eslora ou as mil toneladas, unha discriminación que só se explica desde o descoñecemento da realidade do sector pesqueiro galego: “É evidente que non poden ser fresqueiros tendo en conta onde realizan a pesca”, alegou Prado.

A deputada de Pesca salientou que se trata de traballadores que teñen realizado o seu labor en condicións de “penosidade e perigosidade”, polo que é aínda máis grave a discriminación que os exclúe de acceder á xubilación anticipada sen ser penalizados.

“Estamos falando de anos de traballo en condicións moi duras, de centos de afectados, das frotas de A Garda, Vigo, Marín, A Mariña...,e non podemos entender a persistencia na exclusión por parte do ISM dándolle rango normativo ao roubo de dereitos dos mariñeiros”, concluíu Prado, tras recriminar ao PP a súa traizón aos milleiros de afectados.