PARLAMENTO GALEGO

Montse Prado pide que o SERGAS interveña no conflito laboral do persoal técnico da cita previa e receita electrónica

Montse Prado con representantes da empresa TECNOCOM
Montse Prado con representantes da empresa TECNOCOM
Montse Prado pide que o SERGAS interveña no conflito laboral do persoal técnico da cita previa e receita electrónica
  •  Critica que renovara o contrato con Tecnocom sen antes ter resolto as demandas do cadro de persoal con salarios medios de 800 euros mes

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, reclama a intervención do Sergas no conflito laboral que manteñen os e as traballadoras de Tecnocom, empresa responsable da asistencia técnica informática de servizos como a cita previa, o historial médico ou a receita electrónica.

Prado mantivo un encontro cos representantes do cadro de persoal que, tras once xornadas de folga, aínda non conseguiu unha resposta positiva por parte da empresa nin tampouco ser escoitados pola dirección do Sergas que, por contra, ven de renovar o contrato con Tecnocom pese a estar en medio dun conflito motivado polo incumprimento dos dereitos dos e das 26 traballadoras que prestan este servizo de asistencia informática.

O BNG levará este asunto ao Parlamento cunha iniciativa na que reclamará a intervención directa do Sergas ante un conflito laboral no que os e as afectadas perciben salarios medios de 800 euros mes. As persoas que integran o cadro de persoal demandan un trato igualitario na compensación económica e de libranzas polos festivos traballados, ao que Tecnocom respondeu con ameazas e con cambios que deterioran as xa precarias condicións laborais, con modificacións unilaterais das quendas que supoñen unha redución dos xa escasos salarios.