Montse Prado pide rapidez para aplicar o acordo da Cámara e levantar o TAC Cero na captura de cigala

Montse Prado
Montse Prado

Solicita unha estratexia urxente para a recuperación da poboación de berberecho de especial importancia na Ría de Arousa

A portavoz de Pesca, Montse Prado, considera moi positivo o respaldo da Cámara á iniciativa defendida polo BNG de cara a que a Xunta tome as medidas oportunas para reabrir a pesquería da cigala á flota galega, que a dia de hoxe soporta un TAC cero na zona 8C e na unidade funcional 25.

“Agora o que pedimos desde o Bloque é inmediatez na aplicación deste acordo da Cámara e que non quede durmindo o soño dos xustos como xa ten pasado en moitas ocasións”, salientou Prado, quen advertiu do prexuízo para o sector galego ao ter vetado a captura dunha especie de moito valor engadido, “como se plasma no alto prezo que alcanza en lonxa”.

Esta prohibición, alertou a deputada recollendo a información do sector, “podería prorrogarse durante as anualidades 2018 e 2019”, coas graves consecuencias que implicaría, “porque a demais das perdas directas para a flota, advirten que ante a falta de subministro de cigala galega entraría produto foráneo con outras calidades e outros prezos, que poden dificultar a recuperación do consumidor cando se levante o actual TAC cero”.

A iniciativa presentada polo Bloque e aprobada pola Comisión de Pesca tamén inclúe a realización dun estudo para volver avaliar o stock de cigala nas zonas VIIIc e na IXa, -esta en augas de Galiza-,  como pide o sector, “que ten tomado a iniciativa” e, antes que a propia Xunta, realizou estudos que, ao seu xuízo, non xustifican o peche desa pesquería que afecta á flota galega de 60 buques de arrastre.

O Bloque tamén defendeu no Parlamento poñer en marcha unha estratexia de estudo e recuperación das poboacións de berberechos nas rías galegas e, en paralelo, adoptar medidas económicas que compensen as perdas que podan soportar os colectivos de mariscadores e mariscadoras, “que nalgúns casos supoñen caídas de ata o 40% dos seus ingresos”.

Esta proposta, rexeitada cos votos do PP, é especialmente relevante no caso da Ría de Arousa, salientou Prado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG