Montse Prado pide a Feijóo que cumpra as promesas e se corrixan as carencias no centro de saúde de Marín

Montse Prado
Montse Prado

Reclama dotación de radioloxía, fisioterapia e ambulancia as 24 horas

A portavoz de Sanidade no Parlamento, Montse Prado, reclamou na Cámara ao Goberno da Xunta que adopte as medidas necesarias para corrixir a falta de persoal e a infradotación de servizos no centro de saúde de Marín.

En concreto, dotar ao centro sanitario de servizo de radioloxía tanto co material como co persoal, completar o cadro de persoal coa incorporación de dúas prazas de fisioterapia, cubrir as baixas de longa duración e un servizo de ambulancia de 24 horas.

“Foron promesas electorais e non teñen ningunha intención de cumprilas, todas estas demandas corresponden a promesas feitas polo PP, anunciadas polo presidente da Xunta e pola alcaldesa de Marín, promesas que non se compren pese a que son necesarias para dar unha boa atención sanitaria á veciñanza que soporta listas de espera de ata tres meses”, explicou Prado na súa intervención na Comisión de sanidade.

A deputada foi moi crítica coa actitude do Goberno galego, e lamentou a resposta do PP cualificando as esperas de “inmellorables”. “O servizo e as esperas en emerxencia son inmellorables sempre que non lle afecten a vostedes do PP”, espetou, tras salientar que se trata “da saúde das persoas, e o tempo de resposta pode marcar a diferencia entre quedar con secuelas ou non, entre recuperarse da doenza dunha maneira positiva ou doutra que non o sexa tanto”, alegou.

Prado apelou á poboación de Marín, -25.000 habitantes-, e á actividade económica do concello, marcada polo Porto, que fai imprescindible contar cunha ambulancia as 24 horas que permita atender calquera situación de urxencia e evitar que a veciñanza “quede desprotexida”. O PP vetou en contra desta iniciativa do Bloque.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG