Montse Prado pide a construción do acceso sur do peirao da Guarda para facelo máis competitivo

Montse Prado pide a construción do acceso sur do peirao da Guarda para facelo máis competitivo
  • Destaca que é unha demanda unánime que debe ser atendida coa colaboración da Xunta, concello e a Deputación de Pontevedra

A deputada por Pontevedra, Montse Prado, trasladou ao Parlamento a demanda “vella e unánime” de construír o acceso sur para o Porto da Guarda coa finalidade de mellorar tanto o tráfico no rodado no centro urbano como a mobilidade e a competitividade no peirao, nun concello de case 11.000 habitantes no que a activade pesqueira é fundamental na economía local.

“É unha demanda unánime das forzas políticas do concello dotar dun acceso en condicións ao Porto da Guarda para solucionar os problemas de mobilidade da Rúa Concepción Areal, que viña funcionando como único vial de comunicación ao peirao pero que hoxe está totalmente integrada no casco urbano e deixou  de ser acaída para facilitar o tráfico portuario”, explicou Prado durante o debate parlamentario.

A deputada salientou o peso do sector do mar neste concello, motor fundamental da economía local. “A proposta do BNG pide actuacións para favorecer o crecemento desa economía local, que mellorará cunhas infraestruturas acaídas”, indicou.

40 embarcacións de arte menores, con capturas específicas como polbo ou percebe, explotación de novos recursos como o ourizo e as algas, a instalación dunha nova para a confección de redes, que favorece o acceso ao mercado laboral das mulleres nunhas condicións dignas, amosan a puxanza da actividade vinculada ao porto.

“Tamén podería recibir descargas da flota portuguesa se o porto tivese uns accesos rápidos para sacar os produtos pesqueiros o que fai necesarias actuacións para mellorar as infraestruturas”, argumentou.

Prado tamén deixou claro que a construción do acceso sur tamén melloraría a mobilidade xeral no municipio, dando un papel fundamental aos viandantes, “facendo unha Guarda máis habitable, cun tráfico reducido polo centro do casco histórico”.

A deputada criticou a negativa do PP a dar luz verde a demanda de fondos para esta actuación “que debería levarse a cabo por parte de  Portos de Galiza co apoio do concello e da Deputación de Pontevedra.