PARLAMENTO GALEGO

Montse Prado pide ao SERGAS que investigue a presunta prevaricación na adxudicación das ambulancias do 061

Montse Prado pide ao SERGAS que investigue a presunta prevaricación na adxudicación das ambulancias do 061

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, pide ao Goberno galego que investigue a suposta prevaricación na adxudicación realizada pola Fundación Urxencias Sanitarias de Galiza, dependente do Sergas, do servizo de transporte urxente sanitario levada a cabo a través da resolución do 21 de novembro de 2014.

Prado denuncia nas iniciativas parlamentarias as vinculacións da empresa adxudicataria, -Ambuibérica- co Partido Popular e pregúntalle ao Executivo de Feijóo “ata onde está disposto a chegar para favorecer a empresas amigas do PP na adxudicación de concursos públicos da Xunta”.

A deputada nacionalista lembra que o BNG xa ten feito reiteradas denuncias e advertencias sobre este proceso de adxudicación “ás que, como é habitual, fixeron ouvidos xordos”, e agora “lamentablemente os temores fixéronse realidade”. Prado advirte, ademais, sobre o feito de que é unha soa empresa a que está acaparando as adxudicacións da Xunta do transporte de ambulancia.

“Practicamente non queda empresario galego no sector das ambulancias, estando este en case a súa totalidade en mans de Ambuibérica, e iso pese a que as relacións laborais non fixeron máis que empeorar ao igual que a calidade asistencial”.

Neste sentido, o BNG mantivo un recente encontro cos responsables sindicais do sector do transporte sanitario de urxencias do 061, no que se constataron numerosas irregularidades na prestación do servizo por parte da empresa adxudicataria, como por exemplo unha dispoñibilidade de efectivos técnicos e humanos por debaixo do recollido no prego de contratación.

Ademais, advertiron que o Goberno galego está levando a cabo unha modificación normativa que permitiría realizar este tipo de transporte urxente de doentes aos taxis, sen que teñan o material acaido para garantir unhas condicións hixiénicas e sen formación do persoal, pois mentres os técnicos de ambulancia deben ter unha formación de catro anos, o requirimento para facer o mesmo nun taxi se limitaría un cursillo de primeiros auxilios.