Montse Prado: "Os Orzamentos de 2018 non atenden as necesidades do sector pesqueiro e marisqueiro"

Montse Prado
Montse Prado

Denuncia que son fieis á folla de ruta do PP para expulsar o  sector tradicional do mar e substituílo polos intereses do gran capital e apostan pola acuicultura para favorecer a entrada de capitais alleos ao sector

Montse Prado: "Os Orzamentos de 2018 non atenden as necesidades do sector pesqueiro e marisqueiro"

A deputada do BNG, Montse Prado manifestou hoxe que  ao  contrario do discurso da Conselleira,  os orzamentos de Pesca e Marisqueo non recollen  as demandas do sector, “os seus problemas e  preocupacións. Para a deputada as contas para o 2018  manteñen moita literatura na súa memoria sobre a importancia do sector pero “non concretan accións reais, precisas e necesarias” para  o seu impulso e desenvolvemento.

Na súa intervención, a parlamentaria nacionalista fixo fincapé na baixa execución dos orzamentos e preguntou como é posible que  a finais do terceiro trimestre, teñan sen executar o 93% do programa no que se contempla entre outros obxectivos,  “ a mellora e   calidade dos recursos marisqueiros, a xestión dos bancos marisqueiros mediante a reinstalación de moluscos procedentes de zonas afectadas por contaminación mocrobiolóxica, recuperar as zonas para o mantemento da biodiversidade e abordar   a baixa produción marisqueira”.

Como é posíbel que a pesar do “desastre” que supón  a campaña do libre marisqueo na ría de Arousa por  falta de recurso, baixa nas rendas e con  menos dun terzo  das embarcacións con  Permex para faenar non se realicen actuacións nestes bancos e o 79% do programa non fora executado.

Por outra parte, tamén preguntou como pode estar  só   executado o 3.19% do programa de infraestruturas pesqueiras, cando son urxentes   actuacións   nesas infraestruturas para que o sector poida realizar a súa actividade  con dignidade.

PESCA VOLVE A APOSTAR POLA ACUICULTURA

Montse Prado replicou á conselleira de Pesca e Marisqueo, Rosa Quintana que os  orzamentos reflicten unha “nova aposta pola acuicultura”, co incremento da partida para este sector que ascende a  35 millóns de euros. “Fondos públicos para fomentar e favorecer a introdución de capitais alleos no sector pesqueiro, alleos ao modelo tradicional e propio de Galiza”. Vostedes, dixo,  “lexislan para entregarlle un ben público, as nosas rías, para financiar estes proxectos” e entretanto, “baixa a partida para a produción”, desaparece o seguro de mal tempo, que xa tiña unha dotación raquítica con 200.000 euros e non contemplan  o relevo xeracional, “a escasa partida consignada en 2017 con 500.000 euros é rebaixada  a 350.000”.

5 anos despois de comezar o desastre co berberecho, da aparición do parasito que está acabando con el, non existe ningunha previsión para facerlle fronte. Non hai proxectos para recuperación de bancos marisqueiros, para a cría de semente, en suma para mellorar as rendas e o número de persoas que se poidan dedicar ao marisqueo, apostilou.

A parlamentaria concluíu lamentando que un ano máis a consellería presenta uns   orzamentos  “decepcionantes” que non dan  resposta ás inquedanzas do sector.