Montse Prado: “A Lei de Sanidade do PP afonda no desmantelamento da sanidade pública”

Montse Prado
Montse Prado

“Rectifiquen e dialoguen”, insta Prado, porque a sociedade galega “non lles vai permitir estafar a sanidade pública nin con luvas de seda”

Montse Prado: “A Lei de Sanidade do PP afonda no desmantelamento da sanidade pública”

A portavoz nacional, Ana Pontón, arrancou o pleno solicitando a retirada da reforma da Lei de Sanidade de Galiza da orde do día, apelando á “maioría social” que este domingo expresou nunha manifestación multitudinaria a súa vontade de defender o sistema público de saúde da contrarreforma que pretende aprobar o PP en solitario.

O BNG, xunto co resto dos grupos políticos da oposición, formalizou esta petición para frear un novo golpe ao dereito á saúde e demandar ao Goberno que escoite o clamor social, reclamación rexeitada cos votos do PP, para seguir coa tramitación dunha contrarreforma que a portavoz de Sanidade, Montse Prado, cualificou de “ataque a liña de flotación” do sistema público de saúde.

Na defensa da emenda de devolución presentada polo Bloque, a deputada nacionalista apelou á mobilización masiva dos últimos meses en contra da nova volta de torca contra a sanidade pública que afonda na “secundarización” da atención primaria e supón a desaparición das áreas sanitarias comarcais, coa conseguinte perda de servizos.

“Parece que teñen toda a intención de seguir de costas viradas á sociedade galega, que non lles vai permitir estafar e roubar á sanidade pública aínda que sexa con luvas de seda”, salientou Prado, tras defender “unha sanidade universal, gratuíta e de calidade”. “Cada vez son máis os e as galegas que non se deixan enganar coas súa propaganda, pese as súas publireportaxes, pese a relegar a información da manifestación á cola do informativo da TVG”, indicou.

Prado denunciou o acoso do PP ao sistema público de saúde a través dunha progresiva privatización de servizos, dos recortes continuados en orzamento e persoal, e criticou que ignore aos milleiros de persoas que se botaron á rúa. “Ante esa manifestación histórica, un goberno que tivese como obxectivo o interese da maioría social, escoitaría. Deixen a súa prepotencia, rectifiquen e dialoguen”, instou.

A deputada replicou ao conselleiro de Sanidade que é a Xunta a que desprestixia á sanidade pública, non a sociedade que se mobiliza para defendela. “Quen a desmantela, quen traballa para beneficiar á privada, quen externaliza servizos de xeito masivo, que impón repagamentos, quen recorta 2.000 profesionais, quen pecha 800 camas, quen obriga a derivar doentes á privada...que fai todo iso é quen realmente desprestixia a sanidade pública”, argumentou.

Coa patronal da sanidade privada

Prado denunciou a precarización do persoal sanitario, -que chega a encadear ata catro contratos por horas nun mesmo día-, a penalización ás persoas doentes que non aceptan ser derivados a centros privados, -masivas desde que Feixóo se reuniu coa patronal da sanidade privada-, e a opacidade nas listas de espera. A deputada nacionalista ironizou sobre a argumentación do conselleiro de Sanidade en relación ás “bondades” da contrarreforma do PP.

“Non puxeron en marcha os consellos de saúde cidadán en nove anos e agora din que a súa contrarreforma sanitaria quere facilitar a participación cidadán, igual que cando aseguran que coa modificación da lei de sanidade buscan a proximidade, cando en realidade recortan servizos”, salientou Prado, quen tamén afeou ao PP que puxera como exemplo a proposta sanitaria dos populares en Valencia.

“En Valencia, dos últimos catros conselleiros, tres están imputados e un na cadea, ese é o seu desafortunado exemplo, e agora o Goberno valenciano está revertendo as privatizacións levadas a cabo polo PP”, espetou, ademais de lembrarlle ao titular de Sanidade que o TSXG declarou ilegal o nomeamento da súa predecesora como xerente da Axencia do coñecemento.

“A oposición non ten que dicirlle á xente como está a sanidade pública porque a sofren, son os e as usuarias ás que nos piden que fagamos algo para parar esta desfeita”, concluíu Prado.