Montse Prado: “As irregularidades detectadas na residencia de Pazos de Borbén non son para quitarlle ferro”

Montse Prado
  • “Parécelles normal que se agochen persoas maiores durante unha inspección porque non tiñan danos? E que só faltaría!”, recrimina

A deputada por Pontevedra Montse Prado levou á comisión parlamentaria de Sanidade ás graves irregularidades detectadas na residencia da terceira idade no Concello de Pazos de Borbén, durante unha inspección da propia Consellería de Política Social con atestado da Garda Civil incluído.

O secretario xeral de Política Social admitiu que a acta de inspección recolle unha sobreocupación na residencia Mi Casa que explicaría porque estaban agochadas cinco persoas maiores usuarias da residencia nunha dependencia totalmente inadecuada pese a que, segundo valora a inspección, non tiña síntomas de maltrato. En relación a ese exceso de ocupación, a Xunta limitouse a dicir que aplicará a normativa en vigor e o correspondente réxime sancionador.

Prado criticou a resposta de Política Social que “tenta dar unha pátina de normalidade a feitos que consideramos moi graves e que cuestiona a seguridade e os dereitos dos usuarios e usuarias da residencia”. “Á consellería parécelle normal que se agochen persoas maiores durante unha inspección só porque cando son atopados no decurso desa inspección non tiñan danos? E que só faltaría que por riba tivesen sido maltratados!”, recriminou a deputada do Bloque.

“Estamos diante dunha actuación moi grave que constata o risco, tantas veces denunciado polo BNG, de converter a atención ás persoas maiores nun negocio en vez dun servizo público”, alegou a deputada, quen cualificou a actuación de “totalmente condenable” ao que se suma “o clima de terror laboral, con ameazas constantes e incumprimentos nas condicións laborais”, segundo denuncia a CIG.

Prado destacou o feito de que a xerente da residencia Mi Casa de Pazos de Borbén é a presidenta provincial da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra. “Xa é un feito grave en calquera caso, pero máis cando se trata de alguén que representa a un colectivo de empresarios/as”, indicou.

Ademais,  a deputada puxo en evidencia que esta persoa ten intereses en numerosas empresas do sector, “polo que espero que o sucedido en Pazos de Borbén leve a Xunta a facer novas inspeccións noutras residencias”, reclamou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG