Montse Prado esixe que o SERGAS rectifique e cubra con interinaxes as prazas con nomeamentos temporais

Montse Prado coas organizacións sindicais do SERGAS
Montse Prado coas organizacións sindicais do SERGAS
  • A portavoz de sanidade e deputada do BNG, Montse Prado mantivo hoxe un encontro coas formacións sindicais, CIG-SAÚDE, CSIF, UGT, SATSE e SAE para abordar a situación de precariedade laboral no SERGAS.

A parlamentaria nacionalista transmitiu ás formacións laborais o apoio do BNG e o compromiso de reclamar unha rectificación do SERGAS para rematar coa precaridade laboral. Neste sentido, defenderá unha Proposición non de lei para elaborar un catálogo que identifique todas as prazas estruturais, actualmente cubertas con nomeamentos temporais, e proceder á súa cobertura mediante nomeamentos por interinidade  seguindo a orde establecida nas listas de contratación.

A deputada aludiu ante os medios de comunicación a sentencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea relativa a sucesión de contratos temporais para cubrir prazas estruturais, que cualificou de  “un fraude na contratación de persoal eventual”. Prado anunciou que o BNG pedirá na Cámara galega “unha rectificación do SERGAS”, petición que trasladou @s representantes das  organizacións presentes no encontro.

Por outra parte engadiu que non é posible ofrecer unha sanidade de calidade sen persoal suficiente e en condicións laborais precarias, hai anos, dixo, “que o Partido popular non mantén condicións dignas para o persoal do SERGAS” e a sentencia avala as denuncias formuladas polos sindicatos e o BNG.

A parlamentaria recalcou que o SERGAS debe “rectificar” e sentarse nas mesas sectoriais para debater os problemas que afectan ao persoal. A política do PP, afirmou a nacionalista “é inadecuada” para ofrecer una sanidade pública axeitada e de calidade como reflicte a propia sentencia europea que condena ao Estado español e recoñece a existencia sistemática de abusos e fraudes cubrindo postos nos servizos de saúde a través de nomeamentos de persoal estatutario temporal co fin de cubrir necesidades permanentes e estábeis.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG