Montse Prado denuncia a discriminación dos mariñeiros galegos no cálculo das pensións de xubilación

Montse Prado
Montse Prado

Critica a inacción da Xunta mentres o Goberno central “lle rouba dereitos” aos traballadores do mar

O BNG denuncia no Parlamento a discriminación que sofren os mariñeiros galegos á hora de calcular a idade na que poden xubilarse e ter dereito a recibir a prestación, despois de que a Dirección da Mariña Mercante modificase os criterios de aplicación dos coeficientes redutores, un mecanismo que permite unha xubilación anticipada ás persoas que realizan un traballo especialmente penoso, insalubre ou de risco.

Esa modificación unilateral restrinxe a aplicación do coeficiente redutor do 0,4% actual, -polo que, por exemplo, con 25 anos enrolado un mariñeiro pode xubilarse aos 55-,  aos tripulantes de barcos que superen os 70 metros de eslora e unha capacidade superior as 1.000 toneladas de rexistro bruto (TRB). Esta restrición arbitraria por parte do Goberno central deixa fora a case todos os mariñeiros das frotas palangreira, cefalopodeira e arrastreira.

“Curiosamente esta penalización afecta sobre todo á frota galega e penaliza a milleiros de mariñeiros obrigados a prolongar a vida laboral nun traballo de moita dureza e dificultade, os discrimina no cobro das pensións de xubilación pese a que faenan nos mesmos caladoiros e desenvolvendo a mesma actividade que os tripulantes dos buques de maior tamaño”, salienta Prado.

En definitiva, “ven reducidos os seus dereitos de xubilación polo tamaño e capacidade do barco, pese a que realizan o mesmo traballo pero en peores condicións de habitabilidade”, recalcou a deputada ante a Comisión de Pesca.

Neste contexto, Prado reclamoulle ao Goberno da Xunta que actúe de inmediato contra esta discriminación como xa reclamou o Parlamento fai case un ano. “Hai intencionalidade política clara de seguir roubándolle dereitos aos mariñeiros galegos e iso é un delito, é un roubo a man armada, cuns cambios feitos con nocturnidade e aleivosía”, denunciou.

A portavoz de Pesca propuxo crear unha comisión para buscar unha solución definitiva “comisión á que acudan todas as partes afectadas para poder escoitar deles esta situación e blindar dunha vez por todas os dereitos dos e das traballadoras do mar”. “A xente do mar precisa dun Goberno galego que a defenda”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG