Montse Prado cuestiona que a Xunta só atenda as descargas de peixe e non a situación dos mariñeiros

Montse Prado na Comisión de Pesca
Montse Prado na Comisión de Pesca
  • A deputada criticou o modelo de “dereitos históricos de pesca” que beneficia as comunidades do Cantábrico en especies como a xarda e que discrimina a flota galega

A deputada do BNG, Montse Prado reivindicou hoxe na comisión de pesca un “novo modelo de repartición de cotas” baseado en criterios para manter  a actividade e o emprego.

A parlamentaria cuestionou que a Xunta só atenda ás descargas de peixe e non a situación económica dos mariñeiros e afirmou que a consellería do Mar do Goberno popular “nunca defendeu un reparto xusto  dos dereitos da pesca” para a flota galega e e mesmo renunciaron a defendelos en Europa e no Estado español. Outras comunidades que defenden o sector do mar, recalcou a nacionalista,  “plántanse e esixen outros criterios”, algo que non acontece en Galiza porque vostedes, dixo, fomentan un modelo de “división e individualismo” onde cada quen tente buscar unha alternativa pero sen buscar unha saída ao conxunto da flota.

Prado preguntou polo reparto das cotas do que dixo, resulta “unha ruína para o sector e a flota que pesca a xarda”. Vemos, explicou que Cantabria acada o 25,7%, Guipuzcoa o 12, 34, Vizcaya o 30,7, Asturias o 14% e provincias galegas con mar, “Lugo, o 5,7,%  e Pontevedra 4,7%”.

“Desde a Xunta, só se aposta polo criterio dos dereitos históricos, pero é mentira que non podan optar por outros máis beneficiosos para a flota galega como os de sustentabilidade, impacto social e ambiental ou emprego”, alegou a deputada na Comisión de Pesca. “Un arrastreiro vasco pode pescar o dobre dun galego porque teñen un Goberno que defende os seus intereses, a diferenza do que fai o PP co sector en Galiza”, denunciou.

Prado tamén explicou que as condicións da flota portuguesa son mellores que as da galega, obrigando ao sector a comprar cota de pesca a embarcacións lusas ou mesmo  a comprar barcos con bandeira do país veciño.

“A flota galega sofre un agravio comparativo co resto do Estado, ante un goberno que se limita a asumir os criterios que se deciden en Bruxelas e que se conforma coas migallas do reparto actual de cotas de pesca”, salientou a deputada. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG