Montse Prado critica o retraso e a falta de concreción orzamentaria do plan da Xunta contra o suicidio

Montse Prado
Montse Prado

Denuncia o deterioro da saúde mental que atribúe aos recortes e a compracencia do Goberno ante un problema que cobra centos de vidas

O BNG cualifica de “corta e pega” o Plan de prevención do suicidio da Xunta que chega tras anos de negación e auto compracencia do Goberno de Feijóo cun problema que causa unha cifra de mortes 2,4 veces superior ás mortes por accidente de tráfico. Un drama, o do suicidio, que o Bloque enmarca dentro do deterioro da atención sanitaria á saúde mental.

“Galiza está sen planificación de saúde mental, unha situación tremendamente grave que levamos anos denunciando, que carece dos orzamentos suficientes e todo isto compromete tanto a saúde dos e das doentes como dos e das profesionais”, denunciou a portavoz de sanidade, Montse Prado.

Prado criticou que o retraso “polo menos de seis anos” en traer unha proposta para abordar o suicidio en Galiza “e por riba o plan que presentan no Parlamento e un corta u pega feito por unha empresa privada que só vale para cubrir o expediente, que non está pensado para a realidade do país, que non fixa prazos, nin orzamentos, nin recursos”.

“Onde está o cronograma, cales son os recursos e os compromisos, a que se comprometen con este documento, cando se vai empezar e con que recursos, vaise ver nos orzamentos de 2018 para que este plan non sexa papel mollado, tendo en conta que o PP leva anos vetando no Parlamento as iniciativas presentadas para abordar este problema?”, interpelou Prado.

Prado fixo un recoñecemento expreso do traballo do Movemento galego de saúde mental “que leva anos reivindicando un plan de loita contra o suicidio” e en defensa de máis medios e planificación da saúde mental, cuxo deterioro atribúe “ás políticas de recortes e desmantelamento da atención especializada” xusto nun momento en que a crise, a precariedade laboral e incertidume en xeral ten provocado un incremento das persoas afectadas por doenzas mentais.

“Desemprego, redución da protección social, inseguridade ante o futuro son elementos que agravaron a situación, o que se reflexa nas cifras dramáticas de persoas afectadas que, entre 2012-2016, nunca baixou das 300 persoas, cifra 2,44 veces superior ás mortes por accidente de tráfico”, explicou Prado, “temos o 6% da poboación e o 9,5% de casos de suicidio, son datos dramáticos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG