Montse Prado ao PP: “Ganarán a votación, pero non teñen o apoio da xente a súa contrarreforma sanitaria”

Debate reforma sanitaria
Debate reforma sanitaria

O BNG critica a falta de diálogo da Xunta e advirte que @s galegas van seguir as mobilizacións a favor dunha sanidade pública de calidade

A portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, acusou ao PP de falta de diálogo e de ignorar o clamor social en defensa dunha sanidade pública de calidade e próxima á cidadanía, impoñendo a súa maioría absoluta para consumar en solitario unha “infame” reforma da actual Lei galega de saúde, un novo paso no desmantelamento do sistema público de saúde.

“Ganarán a votación pero saben que perderon porque non teñen o apoio social a esta infame contrarreforma sanitaria”, salientou Prado, quen augurou que medrarán as mobilizacións. “Cada día van ter enfronte a máis persoas defendendo a sanidade pública galega, universal, gratuíta e de calidade polo que a votación de hoxe non vai ser o punto e final, senón un punto e seguido na loita en defensa dos sistema público de saúde, que lles quede ben claro señores e señoras deputadas do PP, teñen perdida a batalla”, recalcou.

A prepotencia, opacidade e falta de diálogo do Goberno de Feixóo tradúcese no veto a todas as emendas presentadas polo BNG, entre as que Prado salientou as que solicitaban manter todas as áreas sanitarias e crear tres novas, -CEE, Verín e Barbanza-, recollendo a demanda expresada na mobilización social que se deu en todas as comarcas e localidades afectadas con milleiros de persoas nas rúas durante meses.

Montse Prado“Un clamor contra a privatización e os recortes que culminou cunha histórica manifestación en Santiago que tería sido escoitada por calquera que tivera como obxectivo gobernar para a maioría, pero a Xunta de Feixóo respondeu con prepotencia, chulería e desprezo e nin sequera recibiu a Plataforma SOS Sanidade Pública”, denunciou.

O veto ás emendas do BNG tamén afectaron ás propostas para manter a paridade de xénero nos órganos de participación cidadán, ás iniciativas para evitar a mingua dos mecanismos de participación social, “que quedan totalmente amordazados”, ás que quería frear que a atención primaria e os hospitais comarcais queden subordinados aos grandes centros hospitalarios, “porque iso significa afastar os servizos sanitarios da poboación dando prioridade aos criterios económicos sobre unha atención de calidade e próxima”.

Persoal sanitario e investigador

Tamén propoñía crear a figura do persoal investigador dentro do SERGAS, “pero todo vai na dirección de que a formación e a investigación se faga con fondos públicos, para logo entregarlle os resultados á empresa privada farmacéutica e tecnolóxica, que parasita o sistema público”,  advertiu. O BNG formulou igualmente emendas en defensa do persoal sanitario para elaborar  un censo de postos de traballo por servizos e categorías, e desenvolver un mapa sanitario de Galiza consensuado, tal como xa prevé a actual Lei galega de saúde de 2008.

“Están levando a cabo un plan perfectamente premeditado e metodicamente executado, e esta contrarreforma é un paso máis  nun modelo do PP que se resume en menos sanidade pública e máis sanidade privada, é un suma e segue na folla de ruta de desmantelamento da sanidade pública, de concentración dos recursos para facilitarlle o negocio ás empresas privadas para que fagan negocio a costa dun dereito básico das persoas”, concluíu.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG