Montse Prado achaca lentitude ao SERGAS para implantar o programa de prevención de cancro de colon

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado censurou que o director xeral de Saúde Pública usara a comisión de sanidade como rolda de prensa para buscar un titular sobre o Programa de cribado de cancro de colon presentado en diversas ocasións e non compareza para explicar o peche de camas, a redución de persoal  ou os problemas das listas de espera

A deputada do BNG, Montse Prado recriminou hoxe ao director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares Rodríguez  por presentar un programa de cribado de cancro de colon anunciado  xa con anterioridade en diversas ocasións. Prado tamén  reprochou ao responsable de sanidade non comparecer para explicar que “máis de mil camas serán pechadas no verán, non serán substituídos moitos profesionais durante as vacacións,   pechan   consultas  no centro de Saúde  de Cambados e seguen existindo graves problemas coas listas de espera”.

A deputada lembrou que o conselleiro anunciou, en sede parlamentar, a implantación do programa en toda Galiza no ano 2017, sen embargo hoxe, dixo, vostede  traslada esta data ao ano 2019 e polo momento tamén  descoñecemos se os recortes  afectarán a implantación do programa en todo o territorio galego.

Por outra parte,  a parlamentaria do BNG acusou ao SERGAS de utilizar a comisión de sanidade para ofrecer “unha rolda de prensa” na procura dun titular dun programa sanitario amplamente presentado pero non comparecer para explicar “ o número de camas que serán pechados en período estival, recortes en medios humanos e técnicos ou  problemas derivados das listas de espera”. Hoxe, recalcou Prado, o PP  volve “por enésima vez“ a presentar  un  programa  do que nin sequera sabemos con que persoal contará.

Prado   salientou a importancia da prevención do cancro de colon e  lembrou que o programa de cribado foi iniciado en Ferrol como plan piloto no ano 2013. Despois de catro anos, indicou a deputada ,  o PP anuncia que a implantación en todo o territorio producirase no ano 2019, “tempo demasiado elevado” dixo, tendo en conta que hai comunidades que xa o teñen implantado ao cen por cen.

A deputada despois de criticar “a comparecencia valeira” de Paz –Ares salientou que debe ser unha prioridade para o SERGAS a prevención do cancro de colon pero tamén a “calidade sanitaria”  e preguntou se os recortes  afectarán  a implantación do programa en todo o territorio galego, tendo en conta a “importante poboación das zonas rurais”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG