Montse Prado: “O 34% da mocidade galega vive en situación de pobreza”

Montse Prado
Montse Prado

Política laboral errónea da Xunta, temporalidade, precariedade laboral, baixos salarios,  emigración e falta  de  alternativas, factores principais desta situación

Montse Prado: “O 34% da mocidade galega vive en situación de pobreza”

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno sobre a situación laboral da mocidade galega, a parlamentaria do BNG, Montse Prado denunciou que o “34% vive en situación de pobreza e unha gran parte do colectivo   só pode escoller entre  “contratos lixo, precariedade, baixos salarios e emigración” ou converterse en “falsos autónomos”.

A parlamentaria indicou que  dende o  2009 ao 2016,  61.200 persoas deixaron de ser  poboación activa, e esta perda produciuse principalmente na mocidade. “A mocidade de 16 a 24 anos pasou de representar o 8,5% no ano 2009 ao 4,7% no 2016. E a poboación de entre 25 e 34 anos, que representaba o 27,3% no 2009 pasou a representar o 19,5% no 2016”, afirmou.

Ademais, nos anos de crise  “perdéronse 160.00 empregos” e do ano  2009 ao 2016,  124.200 persoas, de entre 16 a 34 anos  perderon a súa ocupación. A pesar de que o ano 2016  foi un ano de creación de emprego,  o 95,2%  é” temporal”, circunstancia que comparou co ano 2015 no que a temporalidade representaba 25,4.

A nacionalista criticou a “nula efectividade” das políticas laborais da Xunta  e reiterou que o 34% da mocidade galega “está en situación de pobreza” polo que volveu a preguntar que previsión contempla o goberno para reverter esta realidade.

Pola súa parte, a Secretaria xeral de Traballo, Covadonga Toca afirmou que descende o paro entre a mocidade menor de 30 años e crece a afiliación en maiores de 30 anos. Ademais de seguir velando pola legalidade das condicións laborais.

A  nacionalista replicou que os datos do informe sobre pobreza en Galiza  confirman outra realidade moi diferente e ante a falta de respostas das  preguntas formuladas, Prado volveu a interpelar a secretaria Xeral  polos recursos destinados a mellorar a situación laboral da mocidade e se os programas e campañas son as adecuadas para acadar este obxectivo.

A actual situación laboral non permite aos mozos e mozas galegas iniciar un proxecto de vida  “estable e autónomo” e mentres tanto, o goberno galego segue “agochado” detrás de estatísticas. Pasamos de contar con mozos e mozas sobradamente preparados a  “mozos e mozas emigrantes moi preparados”, concluíu.