Mini: “A Xunta dá moi pouco tempo para solicitar axudas polos danos causados polo lobo e o xabaríl”

Xosé Luís Rivas Mini
Xosé Luís Rivas Mini

A resolución do 30 de novembro  establece 10 días naturais que se reducen a 6 para tramitar a merca, pago, e certificado dos investimentos que xustifican a axuda.

Este breve prazo impide que moitas persoas poidan acceder a estas axundas causados pola fauna salvaxe.

Mini: “A Xunta dá moi pouco tempo para solicitar axudas polos danos causados polo lobo e o xabaríl”

O portavoz de agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) denunciou hoxe no Parlamento que a Consellería de Medio Ambiente publicou unha resolución o día  30 de  novembro establecendo 10 días para que as persoas afectadas por danos provocados polo xabaril e o lobo poidan  acceder  a axudas destinadas a  implementar medidas preventivas. Sen embargo, dixo, estes 10 días “redúcense a 6  para tramitar  a  merca, pago, identificación  e certificado  dos investimentos que xustificarán a axuda”.

Por segundo ano, explicou, Rivas Cruz, convocáronse as axudas ás que se acolleron máis de 1.200 persoas o que demostra, ao seu xuízo.  “a grande demanda para sistemas de prevención no sector gandeiro”.

Para o nacionalista, unha vez máis, a consellería  amosa “unha mala planificación” que está a causar que o problema se cronifique  e os habitantes do medio rural e a propia fauna sexan os grandes damnificados.

Rivas reclamou “prorrogar o prazo da resolución” pero sobre todo, “escoitar ás persoas afectadas”  para tomar nota do acontecido e que nos próximos anos, a convocatoria para implantar medidas preventivas contra os ataques do lobo e o xabaril  conte cun mínimo de tres meses para poder programar de maneira adecuada a compra de “cadelos de raza mastín”.

Ademais, instou á titular de Medio Ambiente, Beatriz Mato  a reunirse   co sector agrogandeiro e entidades que defenden a actividade humana e a fauna salvaxe no rural porque  a política contra os ataques do lobo e o porco salvaxe non pode ser “o tiro e o lazo”. Os expertos, dixo o nacionalista deben ser consultados sobre esta problemática para avanzar no camiño de alternativas e no marco lexislativo actual en materia de convivencia coa fauna salvaxe.

“Hai que retomar as axudas específicas polos danos do porco bravo e  “ tomar todas as medidas necesarias para facilitar a xestión da fauna salvaxe para controlar os ataques contra a actividade agrogandeira”.

O Partido popular presentou unha emenda á iniciativa nacionalista que Rivas Cruz (Mini) rexeitou por considerar que non aportaba ningunha mellora ao texto nin mudaba a actual situación para beneficiar ás persoas afectadas polos ataques do lobo e xabaril coa ampliación de  prazos para acceder ás axudas como reclamaba o BNG.