Mini pide recursos aéreos máis eficaces contra os lumes de nova xeración

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas "Mini"

A coordinación dos medios  debe ser responsabilidade do persoal técnico da consellería de Medio Rural  e non estar a cargo da empresa contratada, reclamou

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas puxo de relevo, a través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a necesidade de incrementar os medios aéreos contra os lumes de nova xeración, a súa coordinación a cargo de persoal técnico da consellería de Medio Rural e reténs de “persoal descansado” na utilización de máquina pesada e bulldozers.

Os lumes, explicou o nacionalista, estanse a producir en condicións moi adversas e sobre todo con  vento  de noite. Nestas circunstancias, os  medios aéreos teñen “moi limitada a súa capacidade”. Un piloto dun bulldozer non pode traballar contra o lume se acumula horas de actividade previa con outros labores como o desbroce de pistas polo que esixiu “reténs de fresco” para enfrontarse aos incendios.

O parlamentario asegurou que é preciso contar con maquinaria eficaz contra os lumes, tanto aérea como terrestre. Co abandono do rural non se cultiva arredor dos núcleos de poboación por tanto as franxas de protección naturais desaparecen. Por outro lado, engadiu, a potencia dos medios de extinción aéreos diminuíu porque os helicópteros teñen cada vez menos carga de auga. “De 1.500litros que levaban nos anos 90 a 1.200 ou 1.000 litros que levan agora”.

Os pregos de condicións adáptanse ás empresas e non a eficacia da maquinaria

O deputado lembrou que  anos 90 co PP e co Bipartito contratábanse helicópteros de alta potencia ascensional, SOKOL, que cargaban 1.500 litros de auga. Os incendios de nova xeración vense agravados cando o vento nordés persistente impide que os helicópteros lixeiros poidan actuaren con normalidade. É aquí onde se botan en falta os de gran potencia ascensional, que son sensiblemente máis caros, pero tamén moito máis eficaces pero, curiosamente, dixo,  os pregos de condicións actualmente limitan a carga de auga a 1.200 litros porque as empresas que se presentan non dispoñen de Sokol ou similares, é dicir “os pregos de condicións adáptanse ás empresas”.

O BNG pide crear un fondo que acolla  a documentación dos montes veciñais en man común

Por outra parte, na comisión de Agricultura, Gandaría e Montes, o deputado nacionalista tamén reclamou   aglutinar nun centro específico  toda a documentación sobre montes veciñais en man común existente en diversas dependencias da Administración pública.

Rivas salientou a importancia desta documentación, sobre todo á hora de futuras planificacións do monte, un monte, dixo, que “ten futuro” en función das medidas políticas que se implanten destinadas a multifuncionalidade do mesmo. O deputado lembrou que existe aínda moita documentación “ciscada” polo que é preciso recuperala de antigas oficinas de extensión agraria e concellos polo que volveu demandar crear “un fondo  documental”  para que calquera cidadán, organismo ou persoa relacionada co monte en man común teña fácil acceso á esa documentación.

O director xeral de Montes, Tomás Fernández Couto coincidiu co deputado do BNG na necesidade de conservar esa documentación e confirmou que non existe “ningún proxecto concreto para un arquivo central específico forestal ou de monte veciñal” aínda que, non descartou a súa creación nun futuro próximo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG