Mini pide á Medio Rural que protexa as terras agrarias e o emprego ante a ameaza mineira de ERIMSA

Mini pide á Medio Rural que protexa as terras agrarias e o emprego ante a ameaza mineira de ERIMSA
  • Advirte dunha minería que espolia recursos sen xerar valor engadido, mentres arrisca explotacións punteiras como A casa grande de Xanceda
  • Afectadas 6.721Has que sustenta 200 granxas nos concellos de Frades, Mesía, Oroso e Ordes

O deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas reclamou en Comisión parlamentaria que a Consellería de Medio Rural actúe de oficio para defender as terras agrarias e o medio millar de empregos directos que xeran as explotacións agrogandeiras nos concellos de Frades, Oroso, Mesía, e Ordes, ameazadas polos proxectos mineiros da empresa ERIMSA nestes municipios.

Rivas advertiu que os plans de minería “colonial” desta empresa, -integrada na multinacional chinesa Blue Star-, poñen en risco o futuro das 200 granxas e das 6.721 Has que a sustentan, incluída explotacións de referencia pola calidade da súa produción como A casa grande de Xanceda, exemplo de transformación ecolóxica cun gran valor engadido nos seus produtos alimentarios.

“Son terras melloradas pola parcelaria con cartos públicos, son 500 postos de traballo directos e estamos falando de preservar unha parte do noso territorio como é o medio rural”, explicou o deputado ante a negativa do PP a defender ao sector agrario nestes concellos fronte ás pretensións de ERIMSA.

“Non estamos en contra da minería”, indicou, “pero si en contra dunha minería propia do século XIX que o único que fai é espoliar os nosos recursos naturais, -neste caso o seixo-, sen apenas xerar emprego, sen xerar ningún valor engadido no país posto que extraen o mineral que nos pagan a prezo de saldo e mándano a súa filial en Noruega para facer alí a transformación a silicio multiplicando exponencialmente o seu valor”, argumentou.

“É en Noruega onde se xera emprego de calidade, onde se transforma a materia prima en barras de silicio valiosísimas e todo sen tocarlle un pelo ao seu territorio. Por contra, o que se ofrece en Galiza é arrasar con hectáreas de cultivo agrario, con explotacións agrarias punteiras a cambio dunha esmola de catro empregos mal pagados”, denuncia.

O deputado nacionalista insiste en pedir a intervención “de oficio” da Consellería de Medio Rural “porque estamos falando de terras agrarias melloradas pola concentración parcelaria, con explotacións con certificado de selo ecolóxico que o poden perder, de produtores que non van poder percibir as axudas da PAC mentres estean ameazados polos proxectos mineiros desta empresa”, explicou. Rivas tamén advertiu da alarma social que ten xerado os plans da mineira: “actúen como goberno de Galiza e defendan a este territorio e a súa xente”, concluíu.