Mini lamenta que a Xunta se negue a colaborar no financiamento da residencia de Boimorto

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas "Mini"
Mini lamenta que a Xunta se negue a colaborar no financiamento da residencia de Boimorto
  • “Pasaron os tempos nos que as persoas maiores recollían leitugas para axudar á familia e teñen dereito a unha vellez digna tamén no rural”, afirma o deputado do BNG

O deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas lamentou a falta de colaboración da Xunta despois de que o PP desestimase a proposta do BNG para que desde o Goberno galego se cofinanciase o mantemento da residencia da terceira idade de Boimorto, tanto no que se refire a sufragar os actuais gastos de funcionamento e servizos como para costear a necesaria ampliación desta infraestrutura municipal.

Rivas que salientou o feito de coñecer a moitas das persoas residente, coas que mesmo ten compartido tempo, explicoulle á directora xeral de Maiores, Fabiola Martínez, durante o debate da proposta do Bloque na Comisión parlamentaria de Asuntos Sociais.

“Pasaron os tempos nos que as persoas maiores servían para recoller leitugas polas cunetas para darllas aos coellos e aos porcos, e temos dereito a unha vellez digna e acabar os nosos días cun mínimo de dignidade, as persoas que vivimos no rural, tamén”, alegou o político nacionalista.

O deputado lembrou que se trata “dunha residencia nun concello do rural que presta unha serie de servizos e, desde o BNG, solicitamos que o Goberno galego axude a sufragalos porque a residencia non é autosuficente, por iso pedimos prazas concertadas, -como as que se lle dan as residencias privadas pero a esta pública se lle negan-, e recursos para financiar servizos como os de comedor, lavandería, podoloxía ou fisioterapia”, explicou.

Entre os servizos que proporciona esta residencia: comidas para as persoas por un prezo moi módico recibindo unha alimentación equilibrada, da residencia saen comidas que van as casas con xente maior que non cociña, servizo para lavar a roupa por unha taxa moi baixa ou atención de fisioterapia ou podoloxía para maiores de 60 anos. “O único que pedimos e que a Xunta axude a financiar estes servizos na residencia de Boimorto, como xa fai nas residencias privadas”, concluíu.