PARLAMENTO GALEGO

Mini demanda un plan de limpeza de montes e esixe que o orzamento se execute na súa totalidade

Intervención Mini
Intervención Mini
Mini demanda un plan de limpeza de montes e esixe que o orzamento se execute na súa totalidade

O portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas, reclamou ao goberno un plan de limpeza de montes “en tempo e forma” para que non volva quedar sen executar o 20% do orzamento presupostado, -15 millóns de euros en 2016-, e non sexan rexeitadas por defecto de forma máis da metade das solicitudes de axudas dun total de 1.029 formalizadas.

O deputado nacionalista atribuíu ao calendario electoral “e as ganas de quedar ben do PP” a acumulación de erros da convocatoria de axudas, que motivou numerosas correccións e retrasou os prazos para a realización dos traballos de limpeza, “de tal xeito que as axudas empezaron a notificarse e concederse a partir do 12 de setembro xusto despois de ter pasado a tempada de verán e dos incendios”, salientou.

Por iso, explicou Rivas na Comisión de Agricultura, os e as propietarias só dispuxeron de apenas dous meses para a realización dos traballos de limpeza dos montes e presentar os correspondentes xustificantes previos á subvención, o que explica que un 20% dos 15 millóns de euros previstos nos orzamentos quedasen sen gastar.

Rivas chamou a atención sobre o feito de que máis da metade das 1.029 peticións fosen desestimadas por cuestións de forma, “alegando desde a Xunta que as solicitudes estaban mal cubertas, incorrección nos datos, errada referencia do SIXPAC..., sen que a Administración concedese os preceptivos dez días para subsanar fallos”. “Parece que a única que pode equivocarse é a Xunta”, criticou.

O portavoz parlamentario de Agricultura tamén puxo de relevo que o volume de axudas concedidas nas provincias de Ourense e de Lugo non gardan relación coa superficie arborada de cada territorio. “O número de solicitudes denegadas en Lugo para a limpeza de montes é un 264% superior ás desestimadas na outra provincia”, algo que Rivas considerou “sospeitoso, porque non se poderá alegar a pericia duns propietarios sobre outros para cumprimentaren as solicitudes”, ironizou.

Con este precedente, o Bloque demanda do Goberno “que tome nota” e que as próximas convocatorias de axuda para limpeza dos bosques de coníferas e caducifolias “subsanen as anomalías observadas en 2016”.