Parlamento Galego

Mini: “deixen de tirarse a pelota entre Xunta e concello da Coruña e constrúan xa o CEIP de Novo Mesoiro”

  • O deputado salienta que “nin o alumnado, nin as súas nais e pais entenden desas pelexas” e levan anos esperando por unha infraestrutura educativa básica

O deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas instou ao Goberno local coruñés e á Xunta a deixar de lado as súas liortas para levar a cabo “dunha vez” a construción dun centro educativo integrado (CEIP) en Novo Mesoiro, infraestrutura básica que a veciñanza do barrio leva anos reclamando.

“Non vou entrar nese xogo de que se tiren a pelota entre concello e administración autonómica, porque os rapaces e rapazas de Novo Mesoiro e aos seus pais e nais non entenden desas pelexas”, salientou o parlamentario no debate na Comisión de Educación das propostas presentadas polo Bloque reclamando a execución de novos equipamentos educativos.

Rivas fixo esta demanda tras escoitar as explicacións do PP, alegando para o retraso do CEIP as deficiencias da parcela que o concello cede a este fin en fase de “estudio de detalle” ao atoparse problemas de lindes e de paso.

Cuestións que o BNG considera non xustifican o retraso de anos en atender a petición da veciñanza.

“Se hai que mover os marcos un metro para que a parcela dea a superficie necesaria eu vou, non pasa nada, se ese é o problema, metro arriba ou abaixo, unha pasantía dun camiño. Isto non pode ser un problema para unha administración seria, o problema serio é cantos anos leva Novo Mesoiro sen un equipamento (CEIP) básico. Esa é a pregunta”, alegou rotundo o deputado pola Coruña.

O BNG pide a construción inmediata do CEIP tendo en conta que se trata dun zona cunha porcentaxe de nenos e nenas en idade escolar obrigatoria superior ao 23%, 1.500 rapaces e rapazas que non poden ser escolarizados no seu propio barrio por falta de equipamentos necesarios, e que teñen que ir a centros repartidos por toda a cidade da Coruña, no mellor dos casos a 4km de distancia do seu domicilio.

Rivas valorou o feito de que a iniciativa parlamentaria do Bloque fixera que, cando menos, as administración implicadas “movesen ficha” e desen algún tipo de noticia positiva ás demandas da veciñanza de Novo Mesoiro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG