Mini: “As axudas que recibe Betanzos HB deben servir para cumprir a normativa ambiental e laboral”

XLRIVAS COMISION INFRAESTRUTURAS
XLRIVAS COMISION INFRAESTRUTURAS
Mini: “As axudas que recibe Betanzos HB deben servir para cumprir a normativa ambiental e laboral”
  • Insta ao goberno galego a “deixar de marear” e adoptar medidas efectivas

O deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas levou á Comisión parlamentaria de Industria as reiteradas denuncias por incumprimento da normativa laboral e ambiental contra a madereira Betanzos HB, antiga Tafiber que, pese ao seu historial, ten recibido cuantiosas axudas públicas e incluída en proxectos estratéxicos da Xunta.

Neste sentido, o parlamentario do BNG pediu á Xunta “que deixe de marear” e tome medidas efectivas para facer cumprir a lexislación a unha empresa tan “mimada” pola Administración pública.

“Eu a isto chámolle marear a perdiz porque supostamente hai cantidade de organismos encargados de facer, pero temos as rías contaminadas e non se recoñece”, denunciou Rivas no debate en comisión, “pero as dioxinas saen da queima dos lodos teñen motivado queixas e a apertura de procedementos no mesmo concello de Betanzos, e iso está aí, ao igual que a liberación de partículas de materiais pesados que afectan á poboación e que non se miden”.

Ante a negativa do PP a tomar medidas, Rivas instou á Xunta a facer cumprir a legalidade. “O único que pide o BNG, como fai a veciñanza de Betanzos, é que velen polo cumprimento das normas e se quere utilicen como mecanismo de chantaxe as profusas axudas públicas que se lle dan á empresa para que non se salte a lexislación laboral e ambiental”, recalcou.

Rivas tamén chamou a atención sobre o longo historial de modificación do nome da empresa, e o último unha “sospeitosa” venda polo sorprendente importe de 50.000 euros da maquinaria obsoleta, das instalacións así como a subrogación do persoal, mentres que os anteriores accionistas conservan a propiedade dos terreos. “Xulguen vostedes”, pediu o deputado ao PP e á Xunta.

O BNG salienta que toda a actividade industrial é benvida, pero dentro da legalidade, e pide ao Executivo galego que poña fin a todas ás irregularidades dunha empresa de gran afectación sobre a Ría de Betanzos, incluída na Rede Natura.

A madereira ten gran importancia en termos económicos e de emprego para Betanzos, pero nada impide a factoría compatibilizar a súa actividade co cumprimento da normativa laboral e ambiental, “e iso é o que demandamos do Goberno galego”, reitera Rivas.

Situada na localidade de Infesta, a empresa foi declarada “estratéxica” polo Executivo galego. No pasado mes de xullo de 2016, transcendeu que a Fiscalía de Medio Ambiente abriu dilixencias contra a factoría, tras informes previos do SEPRONA, e en  2015 a Inspección de Traballo abriu expediente á compañía por infrinxir a normativa de prevención de riscos laborais.