A militancia do BNG renovará a súa dirección cunha candidatura de consenso na XVI asemblea nacional

A militancia do BNG renovará a súa dirección cunha candidatura de consenso na XVI asemblea nacional

A militancia do BNG renovará os seus órganos de dirección cunha única candidatura de consenso tras pecharse o prazo de presentación, –finalizado este luns 20 ás 19.00H-, sen que se rexistrara ningunha outra lista alternativa á aprobada polo Consello Nacional.

Esta candidatura de consenso, encabezada pola actual portavoz nacional Ana Pontón, consolida o relevo xeracional emprendido polo Bloque fai un ano, e será sometida á votación de toda a militancia na XVI Asemblea nacional que se celebra esta fin de semana na Coruña baixo o lema En Bloque cara a un tempo novo.

A candidatura prevé reforzar a futura Executiva nacional, -que pasa de 15 a 19 integrantes-, con novas incorporacións, como a de Ana Miranda, Xavier Campos, Olalla Rodil, Luís Bará, Eva Vilaverde e Susana Camba.

Así mesmo, consolida unha importante renovación xeracional xa que xunto a propia Ana Pontón figuran os nomes de Eva Vilaverde, Xavier Campos, Olalla Rodil, Noa Presas, Olaia Ledo, Xosé Manuel Marcote, Xosé Emilio Vicente ou Rubén Cela, unha nova xeración por debaixo dos corenta anos.

A candidatura tamén recolle a experiencia de persoas como Xosé Luis Rivas, Goretti Sanmartin, Carme da Silva, Néstor Rego, Ana Miranda, Obdulia Diniz, Bieito Lobeira, Montse Prado, Luís Bará e Susana Camba.

2.100 militantes e 300 simpatizantes fixeron a inscrición para asistir á XVI AN, na que podEn participar todas as persoas, -con ou sen carné do Bloque-, que confían nas posibilidades de Galiza e consideran máis necesario que nunca un proxecto político de país sen dependencias.

“Iniciamos fai un ano un tempo novo, e ao longo destes meses, fixemos unha profunda reflexión sobre os erros e os acertos, que fixemos ben e en que nos equivocamos, rectificamos e soubemos xerar unha corrente de simpatía”, explicou Pontón, a preguntas dos medios.

“Hoxe somos un proxecto que discute sobre como podemos mellorar para darlle unha alternativa de futuro a Galiza nun momento crítico no que é importante alternativas definidas, serias porque somos unha forza que aspira a ter a confianza maioritaria dos e das galegas e aspiramos a gobernar este país. Aspiramos a relanzar o BNG como opción capaz de dar esperanza no futuro e cohesionar unha maioría social de cambio a favor de Galiza”, conclúe Pontón.