Luz verde á proposta do BNG para elaborar un informe sobre a desaparición do sistema financeiro galego

Noa Presas
Noa Presas

Este informe que elaborará a Xunta de Galiza estudará tamén a venda do Banco Pastor

Luz verde á proposta do BNG para elaborar un informe sobre a desaparición do sistema financeiro galego

O BNG logrou o apoio de todos os grupos da Cámara para demandar ao Goberno da Xunta a elaboración dun informe sobre o proceso e as consecuencias da venda do Banco Pastor e sobre as repercusións para Galiza da desaparición do seu sistema financeiro.

“Unha nova tremendamente negativa para o país”, indicou a deputada Noa Presas durante o debate da iniciativa do Bloque na Comisión de Economía, tras relatara como “progresivamente se foi consumando a estratexia consciente de concentrar e centralizar o sector financeiro, privatizando e bancarizando as caixas de aforros e reducindo o número de entidades”.

En concreto, deuse luz verde a “promover a investigación das causas últimas deste proceso de venda, promover o mantemento dos postos de traballo e dunha rede de oficinas suficiente para non prexudicar as persoas usuarias, promover unha posición de país para defender a todos os aforradores e pequenos accionistas diante desta estafa, especialmente a aqueles traballadores/as do propio banco aos que mediante coerción forzaron a adquirir participacións”.

Presas cualificou de “desolador” o balanzo de Feijóo respecto ao sistema financeiro do país. Tras a venda “de saldo” das caixas de aforro, “consúmase a crónica dunha morte anunciada coa desaparición do Banco Pastor”. Como resultado, Galiza “perde músculo financeiro” e segue o proceso imparable de concentración e centralización bancaria “que non vai traer ningún beneficio ao país senón todo o contrario”.

As consecuencias desta “oligopolización” son negativas para o financiamento do tecido produtivo galego, -en particular para Pemes e autónomos-, e para os e as consumidoras de servizos bancarios que quedan máis desprotexidos ante macro entidades alleas o país. Máis ca nunca Galiza precisa hoxe unha banca pública, subliñou Presas.

O BNG tamén denunciou o fracaso dos mecanismos de supervisión, unha vez máis, fallos que teñen claros beneficiarios e claros prexudicados, como son os miles de galegos e galegas accionistas do Pastor “vítimas dunha nova modalidade de estafa bancaria”.

A Comisión de Economía tamén aprobou á proposta do Bloque para que a Axencia Tributaria corrixa os erros detectados no proceso informático ea poder realizar e presentar, -con normalidade e axilidade-,  vía telemática a declaración da renda en galego.